Análise da situación política. Resolucións do Comité Central.
O nacionalismo ten de enfrontar nos próximos meses unha situación especialmente complexa do punto de vista social, económico e político. Unha situación marcada pola virulencia da pandemia da COVID-19 mais tamén pola actuación das diferentes administracións quer en materia sanitaria quer no ámbito das decisións políticas, económicas e sociais.
No combate á COVID-19, é evidente que a posición dos Gobernos español e galego foi antepor claramente criterios económicos á saúde da poboación, cun resultado aumento exponencial de casos e descontrol da pandemia. Aliás, o proceso de vacinación, que se apresentou pomposamente como “o principio da fin da pandemia”, está a resultar un fiasco, tanto pola incapacidade das administracións sanitarias para programar un operativo eficaz como, sobre todo, pola limitada subministración de vacinas por parte das grandes empresas farmacéuticas que están a especular co drama que a COVID-19 representa. Todo isto pon en evidencia as prioridades e as limitacións do sistema capitalista para resolver con eficacia e criterio social unha emerxencia destas características.
En todo o caso, o momento excepcional e tamén a fatiga social por esta situación exixe unha posición contundente por parte do nacionalismo de crítica á actuación das administración competentes (Goberno español e Goberno galego) e de presentación de propostas e alternativas, como xa se veu facendo.
Ademais, debemos atender a situación social e económica cada vez máis dramática no noso País. Galiza xa se achaba nunha situación económica crítica antes da pandemia, nun proceso de deterioro social e demográfico e de desmantelamento industrial que, infelizmente, continúa (Endesa, Siemens-Gamesa, AluIbérica, Alcoa…) A covid-19 acelerouna e agrandouna, mais non a criou, senón que responde a un proceso de deterioramento constante do noso tecido produtivo en sectores económicos estratéxicos. Consecuentemente, a superación da crise da covid-19 non vai supor tampouco a superación dos problemas estruturais da economía galega.
Mais, a falta de programas adecuados de apoio aos sectores máis afectados pola situación de emerxencia sanitaria, vai ter un efecto devastador nos próximos meses. É previsíbel que, no curto prazo, vexamos fechamento de actividade importantes en sectores como a hostalaría ou o pequeno comercio. Mesmo se non foren inmediatos, moitos dos que agora continúen abertos non sobrevirán a esta crise e os postos de traballo perdidos serán de moi difícil recuperación. Aliás, algunhas das medidas de apoio aos sectores máis afectados poden ter un impacto inicial positivo (ERTEs, créditos ICO, aprazamento de impostos, etc.) mais, en 2021 cando haxa que facer a declaración da renda, e comezar a amortizar o capital principal dos empréstitos ou aboar impostos atrasados, pódense provocar situacións moi difíciles. O problema aprazouse, mais non se solucionou.
Paralelamente, constatamos como o grande capital, especialmente nos sectores enerxético e bancario, continúan empregando a crise en beneficio propio sen que o Goberno español teña capacidade ou vontade de controlar sequera o impacto social negativo da voracidade predadora desas empresas sobre os sectores sociais máis vulnerábeis. Para exemplo, a suba da enerxía eléctrica e o asalto que supoñen as comisións bancarias que as entidades están a aplicar.
Aliás, estamos asistindo a un proceso de reconversión e concentración no sector bancario que pode ter efectos moi negativos no noso País, desde a destrución de postos de traballo até prácticas oligopólicas pasando pola posíbel desaparición definitiva dun axente financeiro significativo con base terrirorial na Galiza.
Todo isto, xunto co fracaso de medidas que foron vendidas como ‘escudo social’, como o Ingreso Mínimo Vital, conforma un panorama social moi complexo que o nacionalismo ten de enfrontar con decisión, impulsando a contestación, a mobilización e a organización en todos os ámbitos.
No ámbito político temos de enfrontar tamén diferentes cuestións de relevancia. En primeiro lugar, no marco estatal, o incumprimento por parte do Goberno de PSOE e Podemos do Acordo de Investidura asinado co BNG, incumprimento que tivo especial plasmación nuns Orzamentos do Estado discriminatorios coa Galiza que o BNG votou en contra. A partir de aí desatouse unha campaña contra o BNG por parte do PSOE e Podemos por un lado e polo PP por outro que veu a demostrar que a nosa posición como única forza con independencia de criterio para defender os intereses da Galiza lles resulta incómoda na medida que pon en evidencia o seu sucursalismo e a submisión a Madrid. En todo o caso, non debemos deixar pasar todas as oportunidades de clarificar politicamente en relación con isto alí onde for posíbel.
En segundo lugar, debemos abordar con orientación política adecuada a xestión dos fondo europeos extraordinarios que o Estado vai recibir. Para alén da crítica á xestión e especialmente ao afán centralizador que tamén aquí se manifesta, debemos trasladar socialmente unha visión máis ampla sobre o que significan. Esas “axudas” non serán gratuítas. A metade, pagarémola nas cuotas de devolución dos préstamos subscritos e os seus respectivos xuros. Outra parte, perderémola mediante a redución doutros fondos ordinarios que a Galiza e o Estado viñan recibindo habitualmente. Outra parte será pagada mediante o incremento da achega ao orzamento comunitario. No entanto, o principal problema vai ser a condicionalidade -a pesar de que teoricamente eran ‘incondicionados’- e a imposición dunha serie de “reformas estruturais” de obrigado cumprimento. Por exemplo, Pensións: Bruxelas exixirá “equilibrar o deficitario sistema de pensións” do Estado español. Na práctica, isto significa baixar as pensións. Posiblemente cun aumento do período de cálculo co que se determina a contía de cada prestación pasando de 25 a 35 anos -xa anunciado e finalmente aínda non aplicado, mais tampouco retirado- o que para os efectos prácticos suporía un recorte de até 6% das pensións futuras.
Tamén en relación cos fondos europeos, debemos cuestionar os criterios de execución, pois todo apunta a que, en vez de servir ao interese social e público, será un novo agasallo ás grandes empresas -incluídas as do IBEX 35- que opterán recursos públicos para finananciaren proxectos que, en moitos casos, xa tiñan previstos.
En terceiro lugar, é preciso facer frente á ofensiva lexislativa do Partido Popular que pretende aproveitar as dificultades de mobilización neste contexto de pandemia para moldear con rapidez un cadro legal regresivo favorábel aos intereses económicos que conciben a Galiza como simple territorio en que obteren beneficios a través do espolio. Aí está a chamada “lei de simplificación administrativa”, a lei de ‘recuperación’ de terra agrarias, o Plan Forestal 2021-2040 ou a lei que permite a creación de universidades privadas (proxecto de Abanca). Tamén a profundización na vaga españolizadora, cunha especial énfase no que ten a ver coa nosa lingua: CRTVG, ensino, etc. fronte ao que temos que ser firmes no combate a esas políticas.
Sen nos esquecermos de todo o proceso de privatización e desmantelamento dos servizos públicos e asistenciais, sector que, pese a ser considerado esencial tras a pandemia, non foi obxecto de ningunha protección específica, nin se recompensou o seu sobreesforzo cunha revalorización social e económica do seu traballo (en relación a isto, cómpre lembrar que na Galiza a central sindical nacionalista convoca folga de mulleres para o vindeiro 8 de marzo). É preciso impulsar un sistema público galego de atención ás persoas, que redunde nunha atención de calidade, e ao tempo, condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.
En cuarto lugar, debemos implicarnos, nos planos sindical e político, na defensa do emprego e da capacidade produtiva do país, e aínda con todas as dificultades que ten para a mobilización o actual contexto COVID, utilizar todas as vías posíbeis ao noso alcance para facer fronte á situación de crise e desmantelamento industrial.
Por último, para alén de atender -priorizando- todas as frentes políticas e sociais abertas, debemos prestar atención ao traballo de fortalecemento do nacionalismo, reforzando o traballo social e os instrumentos que permiten a influencia do nacionalismo na sociedade e dedicando especial relevancia á campaña de ampliación e formación da militancia do BNG nun momento favorábel para iso. Este obxectivo de alargar a base organizada do nacionalismo debe ter tamén un correlato na preocupación por ampliar e formar a militancia do noso Partido, seguindo os criterios aprobados no XV Congreso da UPG.
En todo o caso, será necesario enfrontar estes asuntos cunha actitude que trascenda a denuncia e o combate e permita articular a nosa alternativa política e o modelo social e económico que defendemos. Así pois será fundamental dotármonos, tanto a nivel do BNG como do Partido, das ferramentas analíticas e propositivas que permitan sumar unha maioría social ao redor da noso modelo de futuro para a Galiza.
Galiza, 28 de xaneiro de 2021.