Aprobado o lema e o lugar de celebración do XVI Congreso da UPG
Na sesión do Comité Central realizada o pasado 14 de maio aprobouse o lema e a cidade e lugar de celebración do XVI Congreso da UPG.
O XVI Congreso da UPG convocado para o 7 de xullo de 2024 decorrerá baixo o lema “6o anos de loita polo socialismo e a soberanía da Galiza“. O lema escollido para este noso XVI Congreso recolle a idea central da noso traballo como Partido e unha mención especial a unha efeméride importante, a conmemoración neste 2024 do noso 60 aniversario como organización política. Para unha organización revolucionaria como a Unión do Povo Galego cumprir 60 anos de traballo ininterrumpido a prol da transformación social da Galiza e da súa independencia nacional non só é un motivo de orgullo para o conxunto da súa militancia, se non tamén que pensamos, modestamente, que é un fito histórico para a nosa nación. É por iso que animamos ao conxunto da nosa militancia e simpatizantes a participar con nós neste XVI Congreso da UPG.
O Comité Central tamén acordou realizar este noso Congreso no Auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura na cidade de Santiago de Compostela. Un espazo público ben comunicado co resto de Galiza e con ampla zona de aparcamento, o que permitirá un acceso cómodo para todas as persoas que até alí se acheguen. Así pois, esperamos con tar con todos e todas vós neste XVI Congreso da UPG.