Sobre as eleccións á Asemblea Nacional de Venezuela

Diante do proceso electoral que se desenvolverá en Venezuela o domingo día 6 de decembro para elixir unha nova Asemblea Nacional, a UPG quere manifestar o seu apoio ao povo venezolano que con toda seguridade dará un novo exemplo de civismo nun proceso electoral que é o número 25 desde 1998.

Este proceso electoral desenvólvese nun marco de ataques continuados contra o camiño decidido maioritaria e reiteradamente polo povo venezolano, de avanzar na plena soberanía e na busca dunhas condicións de vida mellores para o conxunto da poboación, ataques que sabotan a economía, provocan violencia e teñen levado a un grave empeoramento das condicións de vida das clases populares. Estes ataques encabezados pola oligarquía e as elites, que non asumen que o seupovo exerza o poder de decisión, contaron desde o primeiro momento co total apoio e asesoramento dos Estados Unidos nunha intervención directa e ilegal nun estado soberano, afondando na súa tradicional liña de agresión contra todos aqueles que non se renden aos seus desexos. E desta agresión imperialista son cómplices directos a Unión Europea e o estado español, unha complicidade que os ten levado a ameazar ao lexítimo Presidente da República Bolivariana de Venezuela, e acoller en delegacións diplomáticas e recibir como heroes a quen son golpistas responsábeis de actos terroristas con resultado de decenas de mortes.

Esiximos o máximo respecto ao proceso electoral de Venezuela, e denunciamos as campañas midiáticas de desprestixio e desnaturalización da democracia venezolana.En Venezuela como en calquera outro estado hai problemas, diversidade de opinión e discrepancias políticas, pero deben ser os venezolanos e venezolanas quen decidan o seu futuro sen inxerencias externas.

Para rematar queremos mostrar a nosa solidariedade e apoio ás candidaturasque se presentan ás eleccións á Asemblea Nacional co obxectivo de avanzar nas transformacións políticas e sociaisque buscan consolidar o proceso político bolivariano iniciado polo comandante Hugo Chávez.

Compostela; 3 de decembro de 2020

Secretaría de Relacións internacionais.

Unión do Povo Galego