As eleccións galegas e o avance do nacionalismo

Documento aprobado polo Secretariado Político da UPG:

En relación coas eleccións galegas de 18 de febreiro, valoramos moi positivamente o resultado electoral do BNG, que sitúa o nacionalismo en máximos históricos canto a apoio popular (467 000 votos e 31,57 %) e representación institucional (25 deputados e deputadas).

Embora non se conseguise un dos grandes obxectivos marcados, derrotar o Partido Popular e encabezar un novo goberno galego, os resultados alcanzados -realmente excepcionais- certifican o avance do nacionalismo frente ás forzas de ámbito estatal e sitúan o BNG nunha mellor posición para continuar dando pasos na conquista da hexemonía política no noso País e no camiño da soberanía.

Como sempre, os resultados é preciso lelos no contexto en que se produciron. É claro que o BNG soubo colocar no electorado a necesidade de acabar coa maioría absoluta do Partido Popular para producir unha mudanza de rumbo político no País e introducir a idea de que era a forza mellor posicionada para conseguilo, así como Ana Pontón a mellor líder para encabezar un Goberno diferente. Beneficiou, por tanto, da concentración de votos pro-mudanza á que apelou reiteradamente durante a campaña.

Isto non ten nada a ver con que o resultado sexa consecuencia de ‘votos emprestados’, para comezar porque ese concepto é perverso e utilizado de forma interesada. Outra cousa é que teñamos claro que á par de votos que podemos considerar máis ‘estruturais’ -quer dicir, máis identificados politicamente co nacionalismo- tamén houbo outros que poden ser máis ‘conxunturais’. Estamos a falar de votos derivados do comportamento dual (galegas/xerais) ou dunha escolla determinada polas circunstancias políticas -por nos consideraren determinados sectores, incluído mediáticos, o instrumento mellor para combater o PP e tentar que perdese o goberno da Xunta que, sen dúbida, nos foron favorábeis.

En todo o caso, non podemos caer en deslixitimar o apoio electoral ao BNG. A base esencial deste resultado ten a ver co traballo social e institucional realizado polo BNG e o conxunto do nacionalismo e aínda coa conflitividade social que viviu o noso País nos últimos anos, sempre apoiada ou mesmo impulsada e liderada polo nacionalismo. De calquera maneira, se é evidente que o BNG recolleu votos de persoas que non eran votantes habituais, isto lévanos á necesidade de estabelecer estratexias adecuadas de consolidación e ‘fidelización’ (quer dicir, de politización e ideoloxización) do voto.

Aliás, a experiencia deste proceso electoral tamén nos permite algunha outra reflexión necesaria. No contexto en que se produciu, unha campaña cun alto grao de presidencialismo funcionou adecuadamente como estratexia de captación de voto. No entanto, o debate político debe esclarecer que iso non pode supor nin relaxar os procedementos internos colectivos na toma de decisións, nin renunciar a trasladar unha imaxe pública cada vez máis coral e plural, nin moito menos (como xa están a aconsellar os inimigos e adversarios tradicionais do nacionalismo) abandonar os postulados políticos do nacionalismo popular para sermos “máis transversais”.

Porén, si debemos aproveitar o momento positivo para alargar a organización, integrar novas persoas á militancia, expandir o fortalecer o proxecto nacionalista por todo o País. E, de forma imperiosa, reactivar os mecanismo de formación da nova militancia nacionalista nos parámetros ideolóxicos e políticos do nacionalismo popular.

O case medio millón de votos que alcanzou o BNG é unha boa base para abordar o crecemento da conciencia nacional da Galiza, que actúa como alicerce sólido sobre o que levantar novas iniciativas políticas e enfrontar procesos electorais con éxito.

Mais tamén estamos impelidos a acertar nas liñas de actuación futuras, quer no institucional quer no social. Hoxe hai un Grupo Parlamentar máis grande e máis forte, que terá máis capacidade de actuación no Parlamento e máis posibilidade de presenza permanente no territorio. Un grupo que ten de funcionar con eficacia, coa máxima coordinación coa organización, para desenvolver unha oposición contundente, capaz de combater as políticas negativas do Partido Popular e de plasmar alternativas para as clases populares, de defender a lingua e o país e de impulsar as ferramentas de autogoberno a camiño da soberanía.

Neste novo contexto é urxente reforzar o traballo político do nacionalismo na sociedade, conectado co labor institucional, mais con dinámica e iniciativa propias. Construír e alargar unha rede de militantes implicada socialmente é, máis do que nunca, unha chave para poder continuar avanzando. Do mesmo modo, é preciso dar máis forza e capacidade de influencia ás ferramentas sociais con que conta o nacionalismo, quer no ámbito da comunicación, quer no da intervención social e cultural.

Para alén de que os próximos procesos electorais sexan unhas Eleccións europeas (e, posibelmente unhas novas Xerais), é claro que serán as próximas eleccións municipais as que permitan, se fixermos as cousas ben neste tempo, consolidar o peso institucional do BNG, cunha base firme que lle permita enfrontar con máis posibilidades o desafío de desaloxar o PP e gobernar a Galiza. É necesario, por tanto, comezar a traballar no fortalecemento organizativo a nivel local e na eficacia do labor institucional municipal. Para iso debe ser definido un plano de traballo que se comece a executar canto antes.

 

Canto aos resultados do Partido Popular, varias son as chaves que os explican, entre outras -e sen ánimo de exhaustividade- as tres que sinalamos a seguir. En primeiro lugar, contar cunha organización asentada ao longo e largo do País que son capaces de activar para o traballo por abaixo cando o precisan; en segundo lugar, posuír unha estrutura municipal potente que conseguen implicar ao máximo tamén nas campañas de carácter xeral, e en terceiro lugar, deter o poder institucional na Xunta e un control mediático case absoluto que utilizan ao seu favor con descaro cando o precisan.

Nese sentido, parece claro que a campaña suxa que o Partido Popular realizou contra o BNG contribuíu para manteren a maioría absoluta. Non tanto porque incidise no potencial electorado do nacionalismo, senón sobre todo porque lles permitiu activar electorado tradicional da dereita que se así non for podería deixar de votar. Nesta ocasión o aumento da participación non xogou só dun bando e, xunto á caída do PSOE, posibilitou que o PP tivese o resultado que tivo.

É preciso subliñar a escandalosa utilización partidista dunha CRTVG que se desde hai 15 anos vén funcionado ao ditado dos intereses do Partido Popular, nesta campaña superou todos os límites até ser indistinguíbel do aparello de propaganda do PP. Isto coloca como tarefa urxente a denuncia social ampla e a confrontación política directa para rescatar este medio para o servizo público.

Polo que atinxe ao Partido Socialista, para alén da debilidade estrutural no noso País, que só consegue superar con dinámicas políticas estatais cando estas os favorecen (Xerais e, en menor medida, municipais) acusou o desgaste do Goberno estatal, acentuado por unha campaña moi españolizada. Foi evidente a falta de mobilización da súa relevante estrutura municipal, se callar por desánimo ou disensións internas.

Os resultados da esquerda española (un PSOE á baixa e un Sumar marxinalizado e sen presenza institucional) abren un espazo para o nacionalismo naqueles ámbitos que nos resultan máis difíciles, se soubermos axir adecuadamente. O esfarelamento do que no seu día foron as mareas e o corremento de parte dese ‘espazo’ para o BNG pode xerar novas posibilidades de fortalecemento político e electoral.

Neste contexto, a responsabilidade e os desafíos do Partido son inmensos. Resulta urxente reactivar o traballo político e ideolóxico , de formación, de proselitismo e de intervención social, para reforzar a perspectiva popular, soberanista e antiimperialista.

Nesta liña, o próximo Congreso do Partido debe ser asumido como un momento fundamental de debate que posibilite actualizar as análises e alternativas, o esclarecemento político e ideolóxico, fortalecer a cohesión e a capacidade de actuación militante en todos os ámbitos en que temos asumido traballo político.