Sobre as eleccións presidenciais en Venezuela

A UPG saúda o pobo venezolano polo exemplo de civismo que deu ao mundo na xornada electoral que decorreu no pasado domingo, tal e como puideron comprobar 900 observadores e acompañantes electorais de 107 países. Este feito demostra a firme aposta pola democracia nun país que desde hai varias décadas vén sufrindo o acoso e a inxerencia externa, que buscan impedir que exerza a súa soberanía, explote os seus inmensos recursos naturais e constrúa o seu propio futuro.

Neste tempo, Venezuela veu sendo albo de operacións de desestabilización promovidas polos EUA coa complicidade da Unión Europea, incluíndo varias tentativas de golpe de estado, que teñen provocado graves danos na economía venezolana debido ao bloqueo económico e á ilegal retención dos activos financieiros do estado venezolano no estranxeiro e por medio de accións violentas, como as guarimbas, coa morte de varios centos de persoas.

Desde hai semanas asistimos a unha nova campaña mediática de intoxicación, que buscaba facernos crer que o proceso político bolivariano estaba derrotado e que era segura unha vitoria da oposición de extrema dereita por unha amplísima maioría. Mais no domingo os venezolanos e venezolanas reelixiron Nicolás Maduro como presidente, demostrando así que a pesar das dificultades non están dispostos a voltar atrás e perder os dereitos conquistados durante estes anos.

A oposición, máis unha vez, négase a asumir a derrota e onte mesmo comezaron a se producir actuacións violentas no país, actuacións que condenamos, e que poden conducir Venezuela a unha nova etapa de inestabilidade e violencia co custo de vidas inocentes.

A UPG parabeniza o PSUV e o presidente Nicolás Maduro polo resultado electoral, agardando que o pobo venezolano poida construír un futuro de paz e prosperidade sen inxerencias externas.