Avaliación do resultado das eleccións galegas 2020

Os resultados electorais alcanzados polo BNG nas Eleccións Galegas son excepcionais tanto do punto de vista cuantitativo como cualitativo. Triplicar votos e representación, conseguido o maior número de deputad@s da historia; superar o PSOE e situarse como a forza que lidera a oposición e se referencia como clara alternativa ao Goberno do Partido Popular, e hexemonizar claramente o espazo do nacionalismo e da esquerda representa un éxito político que coloca o BNG nunha moi boa posición para consolidar a súa capacidade de intervención política e social e para continuar a avanzar.

Son uns resultados froito da coherencia política e dunha traxectoria inequivocamente nacionalista nos últimos anos que, se non foi fácil, hoxe podemos certificar -máis unha vez- como absolutamente necesaria. As decisións que o noso Partido, xunto con outros moitos compañeiros e compañeiras do BNG, adoptou en momentos críticos, especialmente para manter un nacionalismo actuante socialmente sobre a base do principio de autoorganización -tamén no plano electoral- resultaron imprescindíbeis para que hoxe esteamos onde estamos.

Tamén por apostar, neste contexto de crise social e política do rexime español, por unha liña política e ideolóxica decididamente soberanista e de transformación social, mesmo que nen sempre conseguísemos que se percibise socialmente con suficiente claridade. E aínda por sermos capaces de asentar socialmente a idea de que a existencia dunha organización nacionalista forte é premisa básica para defender a existencia da nosa nación e os intereses do noso povo.

En todo o caso, para alén da base esencial en que se asenta a nova posición institucional do BNG, a da coherencia nacionalista, moitos outros factores, máis relevantes ou máis conxunturais, teñen vindo a contribuír para este resultado.

A recuperación da presenza no Congreso e o traballo desenvolto alí axudou de forma importante a mostrar novamente o BNG como a mellor ferramenta para a defensa dos intereses da Galiza e contrastar de maneira clara co sucursalismo e a submisión das forzas de ámbito estatal.

O papel desenvolvido pola nosa candidata e Portavoz, especialmente pola súa capacidade comunicativa e a valoración social moi positiva, permitiu pór o ramo a todo ese traballo político e organizativo, facendo críbel a alternativa e permitindo que na campaña electoral fósemos gañando espazo e apoios. Os resultados tamén poñen en valor a cohesión e unidade interna que temos que seguir a manter e alimentar.

Aliás, o BNG soubo aproveitar tamén situacións conxunturais e as oportunidades que por diversas razóns, especialmente pola permamente submisión a Madrid, outras forzas nos deixaron.

En todo o caso, o resultado electoral permítenos algunhas lecturas interesantes a destacar:

– A Galiza ten un comportamento político e electoral diferenciado. Non somos unha simple provincia. Hai unha conciencia nacional subxacente moi importante, que mesmo obriga o PP a agochar as siglas e a formular unha campaña -ainda que sexa por oportunismo electoral- claramente centrada na Galiza. As forzas que non o fixeron e que apoiaron a súa campaña na idea de que o importante era confiar na coalición que nos goberna desde Madrid, saíron claramente penalizadas.

– A importancia de ter unha organización forte, mobilizada e con presenza en todo o País e no conxunto da sociedade. Os resultados electorais sempre poden ser conxunturais, mais a existencia dunha organización forte é garantía da pervivencia do proxecto político para alén dos vaivéns electorais ou das oportunidades que os medios do sistema queiran dar ou quitar. O exemplo das Mareas é paradigmático: sen organización, só con marqueting electoral os proxectos políticos non perviven, menos aínda se -como o BNG- cuestionan claramente o réxime actual.

– A mobilización e a participación na conflitividade social dá tamén froitos electorais. O nacionalismo crece nos conflitos sociais, desde a súa capacidade de analizar, presentar alternativas e liderar a resposta social. Nese sentido, son paradigmáticos os resultados nas comarcas en que existe conflitividade e presenza nela do nacionalismo, especialmente na Mariña, nas Pontes, en Verín, Ogrove…. Razón de máis para que o BNG reforce o seu traballo social e a ligazón do institucional con este, comezando por que o novo grupo parlamentar deba estar atento e ser cadea de transmisión desta conflitividade ao traballo parlamentar.

– O españolismo, máis alá das siglas, actúa conxuntamente cando se trata de defender o modelo social e político que nos oprime. A incomparecencia do PSOE e do Goberno do estado e o seu papel de apoio sutil a Feixóo, é a mellor evidencia de que realmente non estaban dispostos a unha mudanza real na Galiza. Isto é, a permitir a presenza do nacionalismo no goberno galego, preferindo que se mantivese o PP no goberno antes da hipótese de que se abrise un novo “problema” nacional tamén na Galiza.

– O mantemento da maioría do Partido Popular, que ten xerado frustración en amplos sectores sociais que apostaron na mudanza en chave galega, é o contrapunto negativo destas eleccións. Avaliámolo como unha moi má noticia, na medida que posibilita a Feixoo tentar continuar con políticas que están a destruír o País. Mais a nova fortaleza do BNG ten de servir tamén e especialmente para frear, quer coa acción no Parlamento quer coa acción na rúa, os planos destruidores do PP de Feixoo, contrapondo a alternativa do nacionalismo e afortalando a maioría social favorábel á mudanza política que terá de verificarse nos próximos anos.

En todo o caso, é claro que o resultado do BNG non reflicte aínda unha mudanza social e política profunda e que, para alén do recoñecemento da nosa coherencia nacionalista en defensa do País e da existencia dunha base de conciencia nacional -por difusa que sexa e que nen sempre se expresa en termos electorais-, contribuíron tamén factores conxunturais.

Aliás, tamén non debe provocar a ocultación das fraquezas organizativas, políticas e de funcionamento que temos e que é preciso ir corrixindo e resolvendo se quixermos ser máis eficaces.

No entanto, o resultado electoral colócanos nunha moito mellor posición para ir asentando e fortalecendo as ferramentas que poden facer que esa mudanza se produza máis cedo do que tarde. Temos que aproveitar as oportunidades que nos dá o novo escenario e traballar na consolidación do noso espazo político, a comezar pola propia organización.

Manter a liña política que nos trouxo até aquí e que nos levou a ter estes resultados. Seguir insistindo na idea de que o BNG é a casa común do nacionalismo e que ten as portas abertas a todas as persoas que realmente acreditan na necesidade de a Galiza contar con forzas propias que defendan os seus intereses nacionais. Orientar o esforzo á incorporación de xente nova. Fortalecer organizativamente o conxunto do nacionalismo e desenvolver proxectos que lle dean máis fortaleza na sociedade. Prestar atención á formación política e á consolidación de cadros que sexan referentes sociais do nacionalismo. En definitiva, traballar na expansión e fortalecemento da organización e do medre do noso apoio social e electoral, é fundamental para podermos avanzar nos próximos anos.