O BNG lanza unha campaña social para que o Goberno do Estado aplique xa as rebaixas na AP-9
Entre as medidas asinadas no acordo de investidura entre BNG e PSOE recollíase a bonificación do cen por cen a todos os usuarios e usuarias recorrentes da AP9. “Aquelas que fagan, polo menos, dúas viaxes ao día todos os días da semana sexan particulares ou profesionais” explicou o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.
Amais, lembrou tamén o compromiso de eliminar, de maneira inmediata, a portaxe do tramo entre Vigo e Redondela, así como que os “Orzamentos do Estado asumirán o 1% de incremento anual previsto acumulativo durante vinte anos como consecuencia das obras realizadas en 2011 e 2013”.
A partir dese acordo de investidura incorporáronse tres partidas específicas nos OXE para facer posíbel que estas medidas se levasen a cabo polo que Rego sinalou que “non hai razón de ningún tipo para que o goberno demore que entren en vigor. Deberían ter entrado o un de xaneiro e non é razoábel, que en vez de baixar as portaxes, o que se anunciara fora que a AP9 fose a autoestrada por cuarto ano consecutivo que máis subía de todo o Estado español”.
A rebaixa das peaxes da AP-9 foi unha conquista do BNG. Un ano despois é urxente:
👉 Que o Goberno aplique a rebaixa das peaxes da AP-9 e a gratuidade do treito Redondela-Vigo.
👉 Que o Goberno impulse a aprobación da Transferencia da AP-9.#AP9Galega #AP9AldraxeAGaliza pic.twitter.com/DeXYTnV5o6— BNG (@obloque) February 6, 2021
En resposta o incumplimento do goberno do Estado o BNG lanzou unha “campaña informativa” con cartaces, faixas e distribución de folletos e difusión de información a través das Redes Sociais; tamén se presentarán mocións nos concellos do País.
A medida que avance a desescalada polo COVID-19 intensificaranse os actos, como a caravana o pasado domingo na Coruña con ducias de coches reclamando o fin da “estafa legalizada” da AP-9.
“Do que se trata é de rematar cun agravio, cunha discriminación que padecemos todas as galegas e galegos e que ten consecuencias non só na economía familiar, senón tamén para o desenvolvemento económico do noso país” sentenciou Rego.
Para rematar, o deputado lembrou que o BNG foi pioneiro no traballo relativo a transferencia da AP9, tanto desde a mobilización social como o traballo institucional, conseguindo a unanimidade no Parlamento da Galiza. Esta semana votouse no Congreso dos deputados a toma en consideración desa lei mais a formación nacionalista entende que non existe ningunha razón para esperar no seu trámite.