Campaña de Vía Galega “Símbolos nacionais de Galiza”
A Plataforma Social Vía Galega, ten posta en marcha unha campaña para a popularización e divulgación do símbolos nacionais galegos coincidindo cos 124 anos da I Asemblea Nacionalista. Con esta campaña, a maiores de popularizar e divulgar os nosos símbolos nacionais, quérese dar coñecer a súa historia e significado a partir das publicacións que se atopan na seguinte ligazón https://viagalega.gal/simbolos-nacionais-de-galiza/. Poñendo ao dispor de toda a sociedade a bandeira e o himno musicado coa letra restaurada, dous símbolos que nos representan e identifican como Nación. Son a expresión do ser colectivo e da nosa existencia como Pobo e do dereito a existir libremente.
O desleixo e desprezo da Xunta de Galiza para con todo o que nos recoñece e nos fai galegos e galegas condúcenos a que teñamos que ser outros os que suplamos a súa misión e obriga de procurar a máxima propagación e coñecemento dos nosos símbolos nacionais.
Vía Galega fai un chamamento para que nesta semana do 14 ao 19 de novembro, coincidindo cos 124 anos da I Asemblea Nacionalista, se exhiba e exalte a nosa bandeira, engalanando e pegándoa por todo o País e colocándoa nas nosas vivendas.
Así mesmo, convídannos a participar nas nosas localidades no izado de bandeira, que terá lugar, o día 19 de novembro, ás 11.30. Acto que forma parte dunha acción expansiva que se desenvolverá por toda Galiza e que consistirá en izar ou colocar a bandeira galega nun lugar vistoso e coa vontade de permanencia no tempo.