Carvalho, Lingua e Terra. Xornada de difusión ao redor de Carvalho Calero

A Federación Galiza Cultura fai un chamamento ás asociacións culturais para unha xornada de difusión da vida, obra e pensamento de Ricardo Carvalho Calero.

O movemento asociativo leva reivindicando desde hai décadas unhas Letras Galegas a Carvalho Calero. Cando ao fin se concederon, unha pandemia fixo que nin no ensino nin nas asociacións se puidera celebrar como debera esta conmemoración. Aprazouse unha e outra vez agardando mellores circunstancias, mais desde Galiza Cultura consideran que non se pode adiar por máis tempo a a homenaxe e difusión, tan necesaria, deste persoeiro a quen tanto debe a nosa lingua e cultura. Consideración que compartimos plenamente. Por iso, coincidindo coa data do seu pasamento, o día 25 de marzo, propoñen unha xornada de recordo e espallamento da súa vida e obra (cancelo: #CarvalhoLinguaETerra).

Desde a Federación Galiza Cultura, en colaboración coas Deputacións da Coruña, de Lugo e de Pontevedra, convocan ás asociacións culturais e aos centros de ensino a xornada Carvalho, Lingua e Terra. Para iso, editaron unha banda deseñada sobre a súa vida, obra e pensamento da autoría de Pepe Carreiro que ademais de imprimir e distribuír gratuitamente, poñerán a disposición pública en PDF na súa web: Galiza Cultura.

Ademais, ese día, o xoves 25, ás 20:00 h. emitirán o vídeo sobre Ricardo Carvalho Calero coa Intervención de María Victoria Carballo-Calero Ramos e a conferencia de Manuel Castelao Mexuto e Mª Pilar García Negro, e posteriormente, ás 20:40 h. celebrase en liña un coloquio cos conferenciantes e representantes das asociacións culturais.

Emitirase esta actividade pola canle de Youtube de Galiza Cultura.

Animamos a toda a militancia da UPG, aos nosos e nosas simpatizantes e ao conxunto do pobo galego a participar nesta conmemoración. De seguido van uns enlaces ás redes sociais para axudar á popularización da actividade.

 

https://fb.watch/4pzRbgEEN6/

https://www.instagram.com/tv/CMj1TDKj7Y9/?utm_source=ig_web_copy_link