Cataluña, eleccións e soberanismo
O resultado das eleccións catalás en que, após varias décadas de hexemonía electoral, as forzas independentistas perderon a maioría parlamentar, provocou o entusiasmo do españolismo -de dereita e “esquerda”que se apresurou a celebrar “o final do procés” e a nova correlación en que é maioría o “constitucionalismo”. O primeiro que sorprende é que na hora de facer este tipo de análises ninguén, quer portavoces políticos quer comentaristas, teñan o mínimo rubor de sumar nese bloque que garante a “unidade de España” a ultradereita de Vox.
Quer dicir, son as propias forzas españolistas de todo o abano político as que se senten identificadas frente ao soberanismo, facendo bon o criterio de que a principal contradición política na Cataluña é a que se estabelece entre soberanismo e españolismo, negando de facto o hipotético eixo esquerda-dereita e desmentindo de paso que o resultado abra un escenario en que se poida producir unha viraxe “á esquerda”. Para comezar, porque é ilusorio pensar que o PSC-PSOE poida realizar políticas verdadeiramente de esquerda, nin sequera máis avanzadas que as que viñeron desenvolvendo ou poderían desenvolver o conxunto das forzas independentistas.
En todo o caso, mesmo neste contexto é unha evidencia que a nación catalá existe, é unha realidade obxectiva e a súa existencia e problemática incardinación no Estado Español non desaparecerá por uns resultados electorais, que como tal, sempre teñen unha importante compoñente de conxuntura. Afirmar que estes resultados implican o final dun proceso de reivindicación da independencia por parte do pobo catalán é non só atrevido e irreal, senón descoñecer as dinámicas históricas, sempre de longo alcance.
Estes resultados non poden entenderse sen tomar en consideración diversos factores que poden ter a súa xénese quer nas políticas do Estado quer nas das propias forzas independentistas. A comezar polo extraordinario nivel de represión e criminalización desenvolvido por todas as esferas do Estado español contra as forzas soberanistas catalás e o movemento independentista no seu conxunto. Todo isto acompañado cunha maciza ofensiva mediática de xustificación da represión e o castigo e da máis basta deslexitimación política do exercicio do dereito de autodeterminación.
Após un proceso de acumulación de forzas e dinámicas sociais en prol a independencia, culminado no referendo de 1 de outubro de 2017, e a incapacidade das forzas que o dirixía de o orientar para que finalizase con éxito, e unha vez que perdeu tensión a resposta social á represión e se produciu unha lóxica frustración tras anos de retroceso nesa dinámica soberanista é explicábel a desmobilización electoral de amplas capas do pobo que acreditaron no proceso de independencia. A análise dos resultados electorais mostran que o fundamental da perda electoral das organizacións soberanistas dáse non tanto por transvases ao españolismo, senón fundamentalmente pola desmobilización do electorado independentista.
Mais tamén é evidente que a esa frustración e desmobilización contribuíu a ruptura do proceso de unidade e acumulación de forzas das distintas sensibilidades soberanistas que se construíu e mantivo, non sen dificultades, até a realización do referendo de autodeterminación de 1 de outubro de 2017. Ao que cabería acrecentar outros factores, como que as dinámicas políticas desenvolvidas por forzas soberanistas, sobre todo na acción política no estado, e o esvaecemento do obxectivo da independencia, non axudaron a manter activa e disposta a base social independentista.
Nesa liña, podemos constatar que nin sempre a opción do pragmatismo extremo xustificado explicitamente para “alargar a base social do soberanismo” actúa nese sentido. Pode ser, como aconteceu, que como consecuencia da frustración e a decepción, o faga precisamente en sentido contrario, minguando os apoios políticos e electorais ás forzas soberanistas.
É claro que corresponde ás forzas políticas soberanistas catalás reflexionar sobre a súa propia realidade para reorientar o rumbo a camiño da soberanía. No entanto, tamén é oportuno que tentemos tirar algunhas conclusións que poidan ser de utilidade para o movemento nacionalista galego. En todo o caso, temos a certeza de que a contradición principal, ao igual que na Galiza, continuará sendo Españolismo-Soberanismo e que acreditar en que sexa posíbel trasladar a dinámica política ao eixo dereita-esquerda -máis aínda tendo en conta que no unionismo non existe ningún interese nin vontade en exercer realmente de esquerda- non axudará a dar resposta aos anhelos do pobo catalán, nin a dar solucións aos problemas que as nosas nacións sen estado e os nosos pobos padecen dentro do Estado español.