A actuación violentamente represiva do aparello do rexime español neste domingo, 1 de outubro, para tentar evitar que o povo catalán decida libremente o seu futuro desmascara definitivamente un sistema político español autoritario e antidemocrático, que non dubida en empregar a represión policial para negar os dereitos e liberdades cívicas, particularmente para impedir o exercicio do dereito de autodeterminación.
Como temos afirmado en moitas ocasións anteriores, o responsábel desta actuación antidemocrática non é só o Goberno de Mariano Raxoi e do PP. É o Estado español, o rexime político saído da Transición e da Constitución de 78, amparándose precisamente na lexitimidade dun texto constitucional que estabelece que a soberanía política corresponde “ao povo español” e que nega, por tanto, os dereitos das nacións -como a catalá ou a galega- a decidiren libremente por si propias.
Cabe sinalar que o conxunto de forzas políticas españolas se posicionaron publicamente contra o referendo de 1 de outubro, a pesar de ser convocado por un Goberno catalán democraticamente elixido polo povo e conforme a leis aprobadas polo parlamento catalán. Unhas, como PSOE e Ciudadanos apoiando incondicionalmente o Goberno; outras como Podemos e IU tentando deslexitimar o resultado da votación escudándose nunha teórica “falta de garantías” que -curiosamente- non exixían ao rexime español senón á Generalitat de Catalunya.
Pretender camuflar a negación do dereito de Cataluña a decidir -e a ser soberana se así o quixer o povo catalán- tras a ficción dun “referendo pactado” co rexime español que saben que non foi, non é nin será posíbel, é a peor das fraudes políticas e mostra da verdadeira posición de forzas da chamada esquerda española que xa deixaron claro que a ‘ruptura’ non pasa de ser un discurso oco e demagóxico, pois na hora da verdade coinciden en negar na práctica a soberanía ás nacións, quer a Cataluña quer á Galiza.
O que fixo o proceso de independencia de Cataluña e o referendo foi pór ao descuberto a verdadeira cara do sistema político e da ‘democracia española’. A negación de dereitos e liberdades fundamentais é a receita con que o rexime español responde ás ansias de liberdade das nacións. De ningunha maneira pode considerarse democrático un Estado que conculca os dereitos básicos e a liberdade de expresión, de opinión, de reunión, de información e de decisión a través do voto e que, aliás, utiliza a violencia para negalas.
Haberá na Galiza quen pense que todo isto non vai connosco. Nada máis lonxe da realidade. Os problemas esenciais -sociais, económicos, culturais, lingüísticos…- do noso País teñen causa na dependencia política que padecemos e, por tanto, na negación por parte do Estado español da capacidade de decidirmos libremente sobre os nosos asuntos e intereses. Romper esa dependencia é unha necesidade vital para o povo galego, para podermos construír un futuro diferente, de benestar, de prosperidade e de liberdade.
Desde esa perspectiva, e para alén dunha cuestión básica de defensa dos dereitos democráticos, temos todas as nacións o interese común de acabar coa opresión e coa dominación española. E fica claro que é a cuestión nacional, e particularmente o que está a acontecer na Cataluña, o factor que de maneira evidente está a facer abalar os alicerces do sistema político español. Temos, por tanto, que implicarnos activamente na defensa da democracia e do dereito de autodeterminación e temos que reduplicar os esforzos para explicar por toda a parte por que, máis que nunca, a nación galega precisa de soberanía.
O ataque aos dereitos e liberdades que se está a producir en Cataluña é un ataque aos dereitos e liberdades de todas as persoas que vivimos no Estado español e tamén ao de todas as nacións que aínda facemos parte del e aspiramos a ser libres. Por iso é fundamental defender a democracia e o dereito dos povos a decidir, a exercer a autodeterminación e a se constituír en Estados soberanos e independentes. Hoxe, defender a liberdade de Cataluña é tamén defender a liberdade da Galiza e de todas as persoas.
Sabemos que toda a violencia represiva do Estado non vai trabar a vontade soberana do povo catalán, que está a votar masivamente en todo o País e que ten gañada xa a súa República. Hoxe queremos, iso si, reiterar o noso total apoio á Cataluña que exerce democraticamente o seu dereito á autodeterminación. Pola nosa parte, reafirmamos -máis unha vez- o compromiso de seguir fortalecendo a auto-organización do povo galego e de continuar a traballar pola ruptura democrática no noso país até conquistar a independencia da nosa nación e constituír o noso propio Estado soberano, a República da Galiza.