A mudanza que a Galiza precisa: romper a dependencia, asumir e exercer a soberanía

Ao fío do cambio de goberno en Madrid, que despertou expectativas nalgúns sectores sociais que achamos excesivas e infundadas, o Secretariado Político da UPG analizou o novo contexto político e tirou algunhas conclusións que queremos trasladar de maneira sintética para contribuír a un debate  que resulte esclarecedor en relación co traballo a abordar nos próximos tempos. Ler máis

Militantes do BNG denunciados pola Fundación Franco e familiares do ditador pola acción simbólica no Pazo de Meirás

A Fundación Francisco Franco e familiares do ditador presentan unha denuncia a 19 militantes do BNG  pola acción simbólica desenvolvida a 30 de agosto de 2017 no Pazo de Meirás na imputan delitos que poderían sumar até 13 anos de prisión para cada unha,  247 para todas elas. Entre as persoas denunciadas están camaradas da UPG, entre eles o Secretario Xeral, Néstor Rego; os membros da Executiva Nacional do BNG, Bieito Lobeira e Rubén Cela; o Secretario Xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, e o ex Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo. Os nacionalistas despregaran dúas faixas -unha xigante a cubrir unha das torres do pazo, co slogan “O pazo é do pobo galego”-  e outra co lema “Que nos devolvan o roubado. Franquismo Nunca Máis”   un día en que o edificio estaba aberto ao público. Ler máis

1º de maio. Avante a folga xeral galega.

Encaramos máis un 1º de maio, Día do Internacionalismo Proletario, nun contexto marcado pola continuada agresión contra a clase traballadora e o conxunto das clases populares da nosa nación. Un saqueo que, sob a coartada da crise capitalista, é perpetrado por parte dos gobernos da dereita españolista ao ditado da Unión Europea e dos intereses do grande capital. Vemos, pois, que a pesar de as cifras macroeconómicas daren algúns síntomas de recuperación, a economía real e, singularmente, as condicións materiais de vida e de traballo do noso pobo, non só non teñen mellorado senón que continúan a empeorar. Ao desemprego insoportábel, que provoca a expulsión por millares da nosa mocidade, acrecéntase unha brutal vaga de precarización das condicións laborais e o empobrecemento dos salarios. Fenómenos que se articulan e integran nunha estratexia xeral que ten por obxecto alargar o nivel de explotación da maioría do pobo para seguir aumentando os lucros dunha minoría, a cada vez máis rica e poderosa.

Ler máis

10 de marzo. Día da clase obreira galega

AVANTE O POBO TRABALLADOR GALEGO!

A crise capitalista e as políticas de saqueo, promovidas polo grande capital e executadas polos gobernos español e galego, en mans do Partido Popular, teñen provocado unha brutal precarización laboral, un desemprego insoportábel e o empobrecemento de salarios e de pensións públicas. Na Galiza estes efectos están agravados por causa do marco de dependencia colonial que padece o noso país. A merma produtiva, marcada polo devalar de sectores estratéxicos como as actividades industriais, a apropiación de materias primas e recursos (como o caso singular da xeración de enerxía eléctrica) ou a drenaxe do aforro galego através da privatización das caixas, confirman o impacto directo que nas condicións materiais de vida e de traballo ten a carencia de soberanía nacional. O pobo galego vese privado do dereito irrenunciábel a podermos vivir dignamente do noso traballo na propia Terra. Así o testemuña a emigración de máis de 180 mil mozos e mozas nos últimos anos. Ler máis

8 de marzo. Día internacional da muller traballadora.

Desde hai máis de un século, o 8 de marzo é unha xornada de reivindicación e loita das mulleres para exixir igualdade de dereitos. Mais nos últimos anos a conmemoración desta data está a tentar ser utilizada por parte do capitalismo de forma banal, comercializándoa, aproveitando para nos vender produtos, converténdoa nunha data de celebración e de felicitación estereotipada, para lle tentar tirar o carácter – que sempre tivo e continuará a ter- de combate e denuncia da situación de opresión e explotación das traballadoras, e da discriminación e violencia exercida contra as mulleres polo mero feito de o seren. Ler máis

Presentación pública de Vía Galega, Plataforma para a defensa dos dereitos nacionais da Galiza

Este sábado 3 de marzo en Compostela realizouse a presentación pública de Vía Galega. Plataforma en defensa dos dereitos nacionais da Galiza coincidindo co 162 aniversario do Banquete de Conxo. Máis de 200 persoas asistiron ao acto no que se explicou o propósito das mais de 50 entidades que forman a plataforma de se constituír nunha iniciativa social ampla e plural para traballar pola defensa dos intereses da Galiza e polo recoñecemento dos dereitos que como nación lle corresponden, entre eles o dereito de autodeterminación.

Somos unha nación. Temos dereitos. Fagamos ouvir a nosa voz é o título do manifesto de Vía Galega que foi repartido durante a presentación que foi conducida por Xurxo Souto, e contou coas intervencións de Suso Seixo (Fundación Moncho Reboiras), María Xosé Bravo (Galiza Cultura), Bruno Lopes Teixeiro (Fundación Artábria), Susana Méndez (CIG), María Bará (ERGUER) e Antón Laxe (Fundación Manuel María).

Explicouse que Vía Galega non pretende ocupar o espazo de ninguén e tamén non ten ningunha pretensión electoral, senón que nace para traballar para afortalar a conciencia nacional na sociedade galega e agrupar os esforzos para lograr que chegue a ser “socialmente maioriaria”.

Para alén da conformación como Plataforma integrada por entidades colectivas, Vía Galego incentiva tamén a adhesión individual, que é posíbel realizar através dun formulario na súa páxina web, viagalega.gal.