A CIG celebra o seu VIII Congreso este sábado 9 de outubro baixo o lema “Forza para Avanzar”

A Confederación Intersindical Galega celebra este sábado día 9 de outubro, o seu VIII Congreso, baixo o lema “Forza para Avanzar”. Máis de 600 delegados e delegadas reuniranse no Pazo de Congresos de Santiago para, a partir das 9:30 horas, poñer a punto o sindicato nacionalista para os vindeiros catro anos e definir as liñas de acción sindical para afrontar a profunda crise na que estamos inmersos, na que está en xogo o noso futuro como pobo galego. Un momento no que máis que nunca necesitamos reforzar a capacidade de confrontar para gañar unha saída galega xusta da crise como reclama a central sindical.

Existe un acordo para a presentación dunha unica candidatura encabezada por Paulo Carril, actual Secretario Xeral, e que conta co aval maioritario da afiliación e o recoñecemento ao traballo realizado durante todo este periodo. En todo caso o Regulamento precongresual contempla a posibilidade de que se presenten candidaturas até 48 horas antes de se iniciar o Congreso.

Homenaxe ás loitas obreiras da Patagonia Rebelde e Seminario Internacional

Arredor do Congreso está previsto desenvolver unha serie de eventos. Nomeadamente a conmemoración do centenario das loitas obreiras da Patagonia Rebelde e a lembranza do que foi o seu líder, Antonio Soto, coñecido na Arxentina como “Gallego Soto”, o xoves día 7, ás 18:00 horas, no Teatro Jofre de Ferrol, tras unha ofrenda floral na súa casa natal, ás 17:00 horas. Actos nos que participarán membros da CUT de Chile e da CTA de Arxentina, neste caso non presencialmente por mor das restricións da covid.

Xunto a isto está prevista a celebración dun Seminario Internacional, a partir das 10:00 horas do venres día 8, baixo o lema “Na defensa do traballo na era Covid-19”, no que participarán todas as delegacións internacionais presentes no Congreso e que será clausurado por Paulo Carril.

Unha xuntanza na que farase unha posta en común sobre a situación laboral nesta época de pandemia e das ferramentas de loita coas que contamos para defender os dereitos da clase  traballadora, diante da nova ofensiva do capital e as súas novas formas de explotación.

Entre as delegacións convidadas, estarán a CTC de Cuba; a CGTP de Portugal; os sindicatos ELA, LAB ou a Intersindical catalana; delegacións de varios estados de Latinoamérica como Brasil, Chile e Uruguai ou de países africanos da lusofonía como Cabo Verde xunto con representantes do Sahara Occidental e de Palestina, entre outros.

Obxectivos do Congreso

Entre os principais obxectivos do Congreso desde a central sindical apuntan a consolidar e ampliar a CIG como primeira forza sindical en representatividade, afiliación e capacidade de mobilización; reforzar a organización sindical e ser referentes do feminismo de clase e reforzar o papel da CIG, a loita pola soberanía nacional e o compromiso do sindicato co movemento nacionalista galego.

Considerase necesario, fronte o poder do capital, consolidar a CIG no plano organizativo e ideolóxico e convencer a máis sectores da clase traballadora da súa alternativa, de facer valer con todas as forzas e iniciativas o seu modelo sindical.

O poder económico e o poder político están a reforzar a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando como  xa o están facendo ao negar, silenciar e non recoñecer a súa condición de primeira forza sindical.

Fontes da central sinalan que a súa actuación seguirá centrada en formular alternativas e propostas en combinación coa mobilización para ir avanzando na resposta a dar nos centros de traballo, mais tamén nas mobilización xerais e avanzan que se seguirá insistindo en propostas como a demanda dun Plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Isto xunto coa demanda da inmediata derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e do desemprego e da aprobación dunha nova lexislación laboral que restitúa os dereitos roubados e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora ante a nova situación de crise e as novas formas de explotación e precariedade.

Desde a UPG mandamos o noso ánimo á Confederación Intersindical Galega para a celebración deste o seu VIII Congreso na seguridade de que servirá para reforzar á propia central e actualizar ás súas análises e liñas de acción, o que permitirá ter unha mellor ferramenta de defensa da clase traballadora galega e de avance no noso camiño cara unha Galiza ceibe e socialista.

Información tirada da páxina web da CIG onde está dispoñíbel máis información ao respecto do Congreso.