A CIG convoca mobilizacións en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas

A crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas. Evidenciou ademais a situación de febleza dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, os abusos patronais e os importante niveis de explotación laboral existentes.

O nacionalismo e a CIG leva anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das Residencias da Terceira Idade, dos Centros de Día, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar… servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis. Por iso puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, que entra xa na recta final, para levar ao Parlamento de Galiza a demanda dun Sistema Público Galego de Servizos no que estean todos integrados para garantir a calidade asistencial e dignificar as condicións laborais. Unha demanda que levará, máis unha vez, ás rúas galegas este xoves, día 6 de maio.

Animamos a militancia da UPG a participar nestas mobilizacións que terán lugar nas sete cidades galegas e en Vilagarcía.

Información tirada da páxina web da CIG.