A CIG convoca mobilizacións para esixir unha saída galega xusta da crise
Desde o mes de outubro a CIG ven desenvolvendo unha campaña na que demanda unha saída galega e xusta da crise. Como parte desta campaña, a central nacionalista convoca unha xornada de mobilizacións para o domingo 7 de febreiro para esixir políticas que permitan encetar unha auténtica recuperación económica e social e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas na Galiza.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que as medidas que se están a adoptar polos Gobernos español e galego son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise derivada da pandemia (que en Galiza afrontamos cando aínda non saímos da anterior crise económica).
Para a recuperación o primeiro paso é a derrogación total das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.
Neste camiño, Carril reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social, na contía do SMI; así como establecer por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:
– A Coruña: ás 11:30h, marchas con saída dende a Casa do Mar, a Torre de Hércules, o Pazo da Ópera e a Praza de Portugal até a Praza de María Pita.
– Compostela: ás 11:30h, marchas dende o Hotel Peregrino, a rotonda de San Caetano e a rotonda do Restollal até a Praza da Quintana.
– Ferrol: ás 11:30h, marchas con saída dende a Praza Vella e dende a rotonda do Diapasón (Esteiro) até a Praza de Armas.
– Lugo: ás 11:30h, marchas dende o Parque Frigsa e o edificio do INSS (avda. de Madrid) até á Praza Maior.
– Ourense: ás 11:30h, marchas con saída dende a estación de RENFE, a rotonda de Mariñamansa/Paco Paz e o estadio do Couto até a Praza Maior.
– Pontevedra: ás 11:30h, con saídas desde o Hospital Provincial (rúa Loureiro Crespo) e desde a rotonda de San Roque -Alameda.
– Vigo: ás 11:30h, marchas dende a Dobrada e da praza do Concello até o farol de Urzáiz.
– A Guarda: ás 11:30h, concentración na Praza do Reloxo.
– As Pontes: ás 12:00h, concentración no edificio do INEM
– Boiro: ás 12:00h, na Praza do Concello.
– Cangas: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
– Cee: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.
– Lalín: ás 11:30h, concentración na Praza da Torre.
– Porriño: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
– Redondela: ás 11:30h, concentración na Praza do Concello.
– Ribadeo: ás 12:00h, concentración na Oficina de Emprego.
-Verín: ás 12:00h, concentración na Praza do Concello.
– Vilagarcía: ás 11:30h, con saídas desde rotonda Ramal e desde rotonda Piñeiriño.
Tes máis información na web da CIG