Clausura do Foro Internacionalista da UPG sobre Brasil

Remataron as sesións do Foro Internacionalista da UPG levadas a cabo o 4 e 5 de outubro en Compostela e Vigo respectivamente.

Nesta edición, “Brasil baixo o goberno Bolsonaro, perspectivas da esquerda”, centrámonos na situación do país latinoamericano coa axuda de Moara Crivelente, da Comisión de Relacións Internacionais do PCdoB- Partido Comunista do Brasil.

Antes de comezar as sesións Crivelente reuniuse cunha delegación do Secretariado da UPG, para compartir as experiencias das comunistas brasileiras e galegas.

Nos actos celebrados en Compostela e Vigo a camarada do PCdoB fixo un repaso da actualidade política brasileira, e dos esforzos dos movementos sociais por plantar cara a un goberno que non só acabou coas conquistas sociais do pobo brasileiro no goberno de Lula da Silva, senón que foi aínda máis alá, dificultando que unha vez remate o goberno de extrema dereita dirixido por Bolsonaro estes cambios poidan ser revertidos.

Tamén apuntou aos grandes medios de comunicación de masas coma executores da campaña contra Lula e o Partido dos Traballadores, que levaron a un congresista de segunda fila coma Bolsonaro a acadar a presidencia de Brasil con postulados militaristas e favor da ditadura, porén o desprezo que os militares senten por el pola súa pésima folla de servizos na súa época coma soldado.

Asemade, Crivelente sinalou que a onda de esquerdas en Latinoamérica non rematou, e amosouse confiada nun novo impulso a nivel continental que lles permita continuar a ser referenciais nas vindeiras décadas.