O Comité Central convoca o XV Congreso Nacional da UPG para 17 de novembro de 2019

Realizada a valoración dos procesos electorais acontecidos nas últimas semanas.

XV Congreso da UPG

O Comité Central da UPG, reunido no pasado sábado 1 de xuño, tomou o acordo de convocar o XV Congreso Nacional da UPG para 17 de novembro de 2019 na cidade de Compostela. Na anterior reunión do organismo decidirase adiar o Congreso, que correspondería desenvolver no mes de maio, até despois do verán por mor das diferentes convocatorias electorais.

Os obxectivos marcados para este Congreso son os seguintes:

– Actualizar as análises do contexto político nacional e internacional en que debemos actuar e definir as liñas de intervención para os próximos anos. Particularmente, prepararnos para o combate en defensa da soberanía da nosa nación e dos dereitos do pobo galego no escenario que está aberto no Estado.

– Fortalecer o Partido organizativamente, mais tamén política e ideolóxicamente, así como a súa presenza na acción política entre a clase traballadora galega. Definir liñas claras de actuación política da nosa militancia.

– Contribuír para fortalecer o nacionalismo galego para enfrentar os desafíos que ten por diante, consolidando o seu posicionamento combativo, de confrontación co españolismo, o centralismo e as políticas antisociais impostas, desde o cuestionamento claro do modelo constitucional e autonómico. Nese sentido, é fundamental contribuír tamén para o debate político e ideolóxico no seo do nacionalismo.

– Activar o conxunto da militancia partidaria e impulsar a súa participación no traballo nas organizacións sociais, fortalecendo a autoorganización e a presenza social do nacionalismo.

– Perfeccionar os mecanismos de participación política partidaria das persoas membros da UPG que partan da asunción plena da condición militante e do compromiso que iso implica para lograrmos un Partido máis áxil e eficaz no traballo a desenvolver.

O Comité Central aprobou tamén o calendario e o regulamento que ordenará o proceso congresual, así como as comisións redactoras das teses, coordinadas por Néstor Rego (política) e Manel Casal (organizativa). Durante o mes de outubro decorrerán as asembleas de zona para o seu debate dos documentos congresuais e presentación de emendas.

Avaliación dos resultados electorais e liñas de traballo a desenvolver.

O Comité Central realizou unha avaliación dos procesos electorais que tiveron lugar nas últimas semanas e dos resultados obtidos polo nacionalismo. En termos xerais, a valoración realizada é moi positiva.

Nas eleccións xerais, o BNG duplicou o número de votos a respecto da última convocatoria, o cal ten que ser valorado positivamente, de maneira especial polo que indica de recuperación de confianza e apoios sociais. Con todo, o importante incremento de votos non foi suficiente para recuperar a presenza nas cortes do estado.

Nas eleccións municipais, o nacionalismo logrou os obxectivos marcados, especialmente se realizarmos a avaliación da posición en que fica do punto de vista cualitativo:
O BNG sobe en número de votos, en porcentaxe e tamén de concelleiros e concelleiras a respecto dos que tiña no momento de se convocaren as eleccións. Incrementa tamén o número de maiorías absolutas, relativas ou forza máis votada das alternativas ao PP, o que permitirá que teña un maior número de alcaldías.

De particular relevancia é que recupera a representación nos concellos de Vigo e Ourense, polo que volta a ter representación en todas as cidades galegas, para alén de subir en votos e reprentación, cun significativo resultado na cidade de Lugo.

Este resultado cuantitativo permite tamén asentar unha posición especialmente relevante do punto de vista cualitativo. O BNG sitúase con clareza como terceira forza política da nación con moita diferenza a respecto da cuarta tanto en número de votos, de candidaturas presentadas, de porcentaxe electoral e de actas obtidas. Isto permite consolidar a posición do nacionalismo como referencia clara das políticas que visan unha mudanza de rumbo no País, desde unha alternativa de defensa dos intereses das clases populares galegas e da soberanía da Galiza.

Nas eleccións europeas o BNG máis que duplica os votos a respecto das anteriores e sitúase tamén dunha forma clara como terceira forza política na Galiza, representando este feito un importante salto cualitativo nun proceso electoral onde se compite co conxunto das forzas estatais na circunscrición. O resultado permitirá, aliás, mellorar substancialmente a nosa presenza e capacidade de actuación no Parlamento europeo. 

No seu conxunto, os tres procesos electorais consolidaron a tendencia de recuperación de apoio social e de avance do nacionalismo, marcando claramente unha mudanza de ciclo que abre boas expectativas de cara ao futuro e permite asentar a referencialidade clara do nacionalismo como alternativa ás políticas das forzas do réxime.

Para nós tamén é relevante comprobar que a situación política que deixan os procesos electorais confirman a corrección das análises e posicións que o Partido ten mantido até a actualidade e o acertado da liña desenvolvida polo conxunto do BNG. Particularmente, a defensa dun proxecto político propio e soberano que, desde o exercicio permanente da autoorganización, dea socialmente a batalla política contra o Estado español e o modelo autonómico que nos mantén na dependencia e traballe pola autodeterminación do noso País.

En todo o caso, esta valoración positiva dos resultados non debe ocultar a existencia dalgunhas debilidades que é preciso traballar para corrixir. En primeiro lugar hai que ponderar os resultados no seu aspecto cuantitativo. Por outro lado e sendo o máis relevante, mostran feblezas organizativas e, nalgún caso, dinámicas rutineiras de traballo que é necesario ir mudando para conseguir avanzar. Do mesmo modo, convén seguir a centrar os nosos discursos e propostas en cuestións de contido político que axuden a marcar perfil propio e posibiliten o avance do proxecto nacionalista.

A respecto das outras forzas políticas cabe sinalar o importante retroceso electoral do espazo das mareas, que deixa En Marea nunha posición residual e Unidas Podemos nunha posición moi mermada. Fica claro que da debacle das mareas é o PSOE a forza que recolle a maioría dese caudal de votos, o que sumado aos ventos ao seu favor do ámbito estatal, fai que experiemente unha suba electoral importante. Isto confirma unha preocupante españolización da dinámica política galega á que, infelizmente, as propias mareas tiñan contribuído nos últimos anos coas súas políticas sucursalistas. Porén, tamén é verdade que se rompe unha dinámica histórica e por primeira vez o BNG consegue subir electoralmente ao mesmo tempo que o fai o PSOE. Os resultados dos tres procesos electorais tamén permiten certificar a clara tendencia á baixa do Partido Popular, que perde apoios de forma significativa, aínda que na Galiza resiste moito mellor que no resto do estado.

Neste contexto, achamos prioritario traballar no reforzo político, organizativo e formativo do nacionalismo, para o que representa unha base fundamental de crecemento o importante número de persoas que se agruparon arredor nestes procesos electorais. Aliás, é necesario continuar a desenvolver os obxectivos marcados a respecto do traballo social como mellor maneira de asentar o proxecto político nacionalista e, por tanto, de garantir novos avances. Ademais, neste contexto, consideramos fundamental constinuar a reforzar as relacións existentes coas organizacións soberanistas de Euscadi e Cataluña nun escenario político no estado español en que o debate a respecto da cuestión nacional seguirá a ser central.