Comunicado Conxunto do Partidos Comunistas e Obreiros: Medidas inmediatas para protexer a saúde e os dereitos dos povos
Nun Comunicado Conxunto 79 Partidos Comunistas e Obreiros de todo o mundo, entre eles a UPG, exixen medidas inmediatas para protexer a saúde e os dereitos dos povos . No comunicado exprésase o apoio aos traballadores e traballadoras da saúde e ás persoas que padecen a enfermidade, esixindo a adopción inmediata das medidas precisas para enfrontar a pandemia fortalecendo os sistemas públicos de saúde. Sinálase ademais que a actual situación mostra a natureza anti-social do capitalismo.
O texto do Comunicado Conxunto é o seguinte:
Os partidos comunistas e obreiros situámonos con responsabilidade ante os nosos povos. Estamos aquí! Presentes á vangarda da loita para tomar medidas inmediatas para protexer a saúde e salvagardar os dereitos da clase obreira e as capas populares, en todas partes!
Enviamos o noso máis sincero agradecemento aos médicos e enfermeiros, ao persoal dos hospitais, das unidades de saúde que están loitando enfrontando grandes dificultades.
Expresamos a nosa solidariedade a todos os afectados pola pandemia da CoVID-19 e desexámoslles unha recuperación pronta da enfermidade.
Saudamos aos países que están levando a cabo accións de solidariedade cos países más afectados, como por exemplo co envío de materiais de protección, ventiladores e profesionais de saúde por países como China, Cuba e Rusia, accións que se encontran en contradición coa inexistencia da Unión Europea.
O perigo da pandemia da CoVID-19 demostra traxicamente as profundas deficiencias dos sistemas de saúde pública en todos os países capitalistas que se coñecían antes da aparición do coronavirus. Estas deficiencias non se produciron por accidente, son o resultado das políticas antipopulares aplicadas polos gobernos ao servizo do grande capital para comercializar e privatizar a saúde, para protexer a rendibilidade dos grupos monopolistas. Esta política socava as grandes capacidades científicas e tecnolóxicas dispoñíbeis hoxe para satisfacer todas as necesidades de prevención e atención ao povo.
A experiencia actual pon en evidencia a natureza antisocial e parasitaria do capitalismo e destaca a superioridade e a actualidade do socialismo e a planificación central científica contendo como criterio as necesidades populares, que pode proporcionar atención primaria e prevención, hospitais, médicos e enfermeiros, medicina, laboratorios, exames médicos e todo o que se necesita para satisfacer as necesidades de saúde constantes e urxentes do povo.
A desaceleración da economía global preexistente agora vese reforzada pola propagación do coronavirus e aumenta o risco dunha nova crise no período que vén. A pesar da propaganda da “concertación nacional”, os gobernos que serven ao gran capital centran as medidas económicas no apoio dos grupos monopolistas e unha vez máis intentan cargar o custe da crise sobre os traballadores e as demais capas populares. Os traballadores e os povos non poden nin deben pagar de novo!
A “responsabilidade individual” non pode ser utilizada como pretexto para cubrir a responsabilidade estatal e gobernamental. Hoxe, tomar as medidas necesarias require a loita dos povos contra a política de apoiar os grupos monopolistas, que sacrifica a satisfacción das necesidades e a saúde dos povos en aras da rendibilidade capitalista.
Os Partidos Comunistas e Obreiros exiximos que se tomen todas as medidas necesarias para enfrontar a pandemia, que inclúen as seguintes:
Fortalecemento inmediato dos sistemas de saúde pública con fondos estatais, contratación de médicos e enfermeiros con dereitos plenos. Cubrir todas as necesidades en Unidades de Coidado Intensivo (UCI) e a infraestrutura requirida para o pleno funcionamento dos servizos de saúde pública e de investigación científica.
Provisión inmediata ao povo, sen cargo, polo estado de todos os medios de protección necesarios (máscaras, guantes, antisépticos, etc.) e detención da especulación. Aquí e agora, dar todas as medidas de protección aos médicos e enfermeiras que loitan nos hospitais con sacrificio e custe persoal.
Protección dos ingresos e os dereitos obreiros e populares. Frear a inmunidade do capital que, co pretexto da pandemia da CoVID-19, está levando a cabo amplos despidos e intenta laminar máis os dereitos salariais, a xornada laboral, os permisos e outros dereitos laborais. Tomar medidas inmediatas para protexer a saúde dos traballadores nos lugares de traballo.
Ningunha diminución dos dereitos democráticos dos povos baixo o pretexto do coronavirus.
Pór fin a todas as sancións e medidas de bloqueo económico que nesta situación son aínda máis inxustas e criminais e dificultan á vida dos países afectados, tomar todas as medidas necesarias para protexer a saúde e a vida dos povos.
Dicimos non ás intervencións imperialistas e aos exercicios militares, como os da OTAN, e demandamos a reorientación dos recursos públicos para apoiar as necesidades dos povos, como por exemplo o financiamento dos sistemas públicos de saúde e seguridade social.