Comunicado Conxunto dos Partidos Comunistas e Obreiros sobre os 150 anos do nacemento de V.I. Lenin
A UPG é un dos máis de 90 Partidos Comunistas e Obreiros que divulgan hoxe un Comunicado Conxunto sobre os 150 anos do nacemento de V.I. Lenin. O comunicado, que arte dunha proposta inicial do Partido Comunista de Grecia, elaborouse coan aportacións realizadas por distintos partidos, entre eles o noso; e tenta ser un punto de acordo entre partidos que defendemos o legado do grande revolucionario ruso, aínda que poidamos non coincidir totalmente na interpretación que facemos da súa obra.
O texto do comunicado é o seguinte:
Honramos ao gran líder revolucionario V.I. Lenin, comprometémonos a continuar a súa obra!
Os partidos comunistas e obreiros que asinamos este Comunicado Conxunto, queremos honrar deste xeito a un gran revolucionario e teórico do socialismo científico, Vladimir Ilich Lenin, xa que no 22 de abril celébranse 150 anos do seu nacemento.
Nas condicións actuais en particular, e mentres a pandemia da CoVID-19 segue estendéndose, demostrando de forma tráxica as grandes deficiencias dos sistemas sanitarios nos países capitalistas así como a natureza antisocial e parasitaria do sistema capitalista, fronte á nova crise, cuxas cargas serán pagadas, novamente, polos traballadores e as traballadoras, e fronte á natureza agresiva do imperialismo e a escalada das competencias imperialistas, que expoñen novos perigos para a paz e os pobos, sentimos aínda máis a necesidade de referirnos á figura histórica de V.I. Lenin. Unha personalidade que dedicou a súa vida á causa da clase obreira e das demais capas populares na loita pola abolición da explotación e a construción da sociedade socialista.
Honramos a V.I. Lenin como fundador do partido contemporáneo da clase obreira, do “partido de novo tipo”, que se separou decisivamente do oportunismo e a apostasía dos vellos partidos socialdemócratas. Tal foi o caso do Partido Bolchevique, que estivo á vangarda da loita de clases do proletariado e as demais capas oprimidas de Rusia. O partido de Lenin levou á clase obreira rusa á vitoria, co derrocamento das clases explotadoras e a establecer a ditadura do proletariado, o goberno dos traballadores e campesiños, ao servizo dos intereses da maioría, dos explotados e os oprimidos. V.I. Lenin definiu e demostrou o papel de vangarda do Partido Comunista, non só no establecemento do poder obreiro, se non tamén na construción do socialismo.
Honramos a V.I. Lenin como o teórico que, tendo en conta a realidade concreta, desenvolveu aínda máis as partes constituíntes do marxismo; é dicir, a filosofía, a economía política e o comunismo científico. Como un opositor a calquera distorsión oportunista e revisionista da teoría e a práctica revolucionarias, do dogmatismo, do sectarismo e das ilusións parlamentarias, sen negar a intervención no parlamento.
Obras súas, como “Quen son os amigos do pobo e como loitan contra os socialdemócratas?”, “O desenvolvemento do capitalismo en Rusia”, “Que facer?”, “Dúas tácticas da socialdemocracia na Revolución Democrática”, “Materialismo e empiriocriticismo”, “Marxismo e revisionismo”, “A bancarrota da Segunda Internacional”, “Socialismo e guerra”, “Acerca da consigna dos Estados Unidos de Europa”, “O Imperialismo, fase superior do capitalismo”, “O Estado e a revolución”, “Teses de abril”, “A enfermidade infantil do “esquerdismo” no comunismo”, “As tarefas inmediatas do poder Soviético”, “Unha gran iniciativa”, son fitos da propagación e o desenvolvemento do marxismo e a loita revolucionaria. En xeral, o valioso traballo teórico de Lenin segue sendo absolutamente relevante e un faro para a educación ideolóxica e política e a acción de cada nova xeración de revolucionarios.
Honramos a V.I. Lenin como líder da Gran Revolución Socialista de Outubro, que fai aproximadamente un século estremeceu á humanidade, a revolución triunfante que iluminou o poder da loita de clases, o poder dos explotados e os oprimidos cando toman o caso dos seus intereses nas súas propias mans e fan xirar a roda da Historia cara adiante, na dirección da liberación social, a chama de outubro, que conduciu e acelerou o establecemento dunha serie de partidos comunistas, partidos obreiros revolucionarios. Lenin tiña unha capacidade estratéxica visionaria e manexaba habilmente as alianzas, capacidades que dedicou á causa da revolución socialista.
Honramos a V.I. Lenin, como líder do primeiro estado socialista do mundo, que por primeira vez estableceu o poder dos obreiros sobre a base de novas institucións revolucionarias, como os soviets, perseguiu o funcionamento económico da sociedade sobre unha base nova, sobre a base da satisfacción das necesidades populares contemporáneas, o desenvolvemento libre e completo de todas as persoas, non en favor do desenvolvemento da rendibilidade dos poucos. A URSS, o primeiro estado socialista do mundo, o cal foi feito realidade coa contribución especial de V.I. Lenin, puxo en primeiro plano novas conquistas económicas, sociais, políticas e culturais sen precedentes para a clase obreira e as amplas capas dos traballadores, que tiveron un profundo efecto nos desenvolvementos progresivos históricos de todo o noso planeta. Foi o apoio dos pobos na loita polo socialismo e a paz.
Honramos a V.I. Lenin como o gran internacionalista, o líder que alzou a bandeira do internacionalismo proletario, fronte á posición traidora da Segunda Internacional na I Guerra Mundial Imperialista, quen se opuxo ao nacionalismo burgués e outras percepcións burguesas, como o cosmopolitismo do capital, o protagonista da fundación da Terceira Internacional Comunista, a cal contribuíu enormemente ao movemento obreiro e comunista internacional e que hoxe é unha principal fonte para sacar leccións útiles da experiencia que acumulou a través da súa acción. As posicións de Lenin sobre o colonialismo levaron aos comunistas a comprender a cuestión das colonias e inspiráronos a liderar as loitas anti-coloniais, tanto nos países coloniais como nas colonias.
Honramos a V.I. Lenin como o incansable e constante opoñente da guerra imperialista, partidario da loita popular pola liberación nacional e social, a xustiza social, a paz, o socialismo.
A contrarrevolución e a restauración capitalista non poden ocultar as conquistas do Socialismo. As catástrofes e a inxustiza en que vivimos, os problemas agudos da clase obreira, as capas populares, os campesiños e xeralmente dos pobos, causados pola explotación e opresión capitalista, resaltan a necesidade e actualidade do socialismo hoxe en todo o mundo.
Os Partidos Comunistas e Obreiros denunciamos ante os traballadores e a xuventude, a “onda” de silencio e de distorsión reaccionaria e anticomunista, desatada en todo o mundo polas forzas políticas que serven aos intereses do capital, contra V.I. Lenin. Loitamos pola continuación da súa obra e comprometémonos a continuar defendendo a súa herdanza, a difundila, e chamamos aos traballadores e aos pobos a aprender dela.
22/04/2020
O listado de partidos asinantes pode consultarse en http://es.kke.gr/en/articles/We-honor-the-great-revolutionary-leader-V.I-Lenin-we-are-committed-to-continuing-his-work/