Con Bolivia, contra o golpe

A UPG quere facer pública a súa total condena ao golpe de estado iniciado en Bolivia onte domingo, e que levou á dimisión do Presidente Evo Morales.

Nos días posteriores ás eleccións presidenciais sectores reaccionarios da sociedade boliviana, co asesoramento dos servizos de intelixencia dos EEUU e a complicidade de diversos gobernos da rexión, iniciaron un proceso violento de ataques terroristas contra membros do goberno e a representantes do MAS-IPSP e dos movementos sindicais e sociais comprometidos coas políticas transformadoras postas en marcha polo goberno boliviano desde  2006. Un golpe que podía rematar nun baño de sangue, baño de sangue que tentou evitar o presidente Evo Morales convocando novas eleccións, e posteriormente dimitindo. Pero isto non serviu para que os golpistas depuxeran a súa actitude.

Facemos un chamamento á volta á legalidade no Estado Plurinacional de Bolivia, iniciando un proceso de diálogo e rematando coas accións terroristas.

Advertimos de que esta golpe non é un feito illado, é un paso máis na tentativa do imperialismo de impedir o desenvolvemento en América Latina de procesos políticos que defendan unha integración continental, partindo da defensa da soberanía, da cooperación e da construción da xustiza social.

Reafirmamos o noso apoio ás forzas progresistas e revolucionarias, e aos povos orixinarios de Bolivia para que recuperen o camiño do progreso, da democracia e da plena soberanía.

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego-UPG