Con Cuba, polo fin do bloqueo
Diante da próxima votación na Organización das Nacións Unidas dunha nova resolución exixindo o fin do bloqueo económico, comercial e financeiro, ao que desde hai décadas os Estados Unidos someten a Cuba, a UPG reitera o seu apoio ao pobo cubano e exixe o fin do bloqueo.
A resolución en exixencia do fin do bloqueo ten sido votada xa 32 veces na Asemblea Xeral das Nacións Unidas desde o ano 1992, co invariábel resultado en todas as votacións realizadas dun masivo apoio; e temos a certeza de que pese ás presións e ameazas da administración Trump nas últimas semanas contra varios estados para que muden o seu sentido de voto, cando nos próximos días se volva votar contará unha vez máis co apoio da inmensa maioría de estados presentes no organismo internacional.
Nos últimos tempos, e especialmente nos últimos meses, vimos asistindo a un incremento da política agresiva dos EUA en toda América Latina, unha agresión que está a ter unha maior virulencia no Caribe coas ameazas á República Bolivariana de Venezuela e ao presidente colombiano, cun amplo despregue de navíos de guerra e o ataque a embarcacións co asasinato dos seus ocupantes.
No caso de Cuba tamén ten aumentado a agresividade, coa inclusión no listado de “Estados patrocinadores do terrorismo”, a sanción ao presidente Miguel Díaz-Canel, a acusación de estar participando na guerra en Ucraína, campañas de manipulación inventando noticias que buscan socavar o prestixio internacional de Cuba, e outras medidas coas que se pretende afectar aínda máis á economía e á vida cotiá dos cubanos e cubanas. Todas estas medidas sempre prexudiciais, afectan moito máis nun momento coma este, cando como sabemos, a illa está a pasar por unha situación moi delicada, debido ás grandes dificultades para efectuar os necesarios labores de mantemento de infraestruturas básicas, algo que hoxe afecta tamén a un dos emblemas da sociedade cubana, que é o sistema de saúde.
Cuba coa defensa da súa soberanía e loita por construír unha sociedade socialista, é exemplo para América Latina e para o mundo de firmeza e conviccións; por iso desde a UPG facemos un chamamento ao pobo galego a estar con Cuba e coa súa revolución, a exercer a nosa solidariedade, a esixir o fin do bloqueo criminal e o dereito do pobo cubano a construír o seu futuro sen a inxerencia imperialista.

