O concello de Dodro acorda dar o nome de Moncho Reboiras a unha rúa de Imo

No día de onte, 9 de xuño, o Pleno da corporación municipal de Dodro acordou poñerlle o nome de “Moncho Reboiras” a estrada principal do concello, a AC-305, no tramo correspondente á parroquia de Imo, lugar natal do noso camarada e onde repousan os seus restos mortais.

A iniciativa nace do BNG local, que fai parte do goberno municipal, e foi defendida no pleno polo portavoz da organización nacionalista, Xoán Bautista Mariño, que foi tamén o encargado de elaborar a memoria como instrutor do expediente municipal de honras que sustentou esta proposta.

O recoñecemento á figura do noso camarada por parte dos representantes públicos do seu concello de nacemento é motivo de satisfacción e un chanzo máis na restitución da súa memoria e do que representa como figura senlleira na construción dun movemento popular nacional galego de liberación, nun momento histórico de loita contra a ditadura franquista e exemplo paradigmático da represión e o terror fascista e do compromiso heroico coas clases populares e a causa nacional galega.

Parabenizámonos polo homenaxe ao noso camarada Moncho Reboiras e agradecemos ao Concello de Dodro esta iniciativa, cun recoñecemento especial ao BNG de Dodro e ao traballo que está a desenvolver durante todos estes anos para manter viva a súa memoria no seu concello de nacemento.