Concentracións 21 de abril pola recuperación do sistema sanitario público galego

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Galega (SOS Sanidade Pública) convoca para este mércores, 21 de abril, concentracións en vilas e cidades da Galiza co obxectivo de reclamar a recuperación do sistema sanitario público galego.

Consideramos moi necesaria esta mobilización pola situación na que se atopa a sanidade pública galega e  porque o PP está aproveitando a pandemia para elevar ao máximo as súas políticas de acoso e derribo do sistema sanitario e, en especial, da Atención Primaria.

Non hai xustificación algunha para que un ano despois de iniciada a pandemia continúen as restricións para as consultas presenciais, as demoras de ata semanas para acadar unha cita telefónica ou as colas ás portas dos centros de saúde. As listas de espera para probas diagnósticas, consultas ou intervencións cirúrxicas, que xa eran tremendamente elevadas antes da COVID seguen a multiplicarse.

Precisase acometer medidas de carácter estrutural, tal e como defende o BNG na súa clara aposta polo reforzo da sanidade pública galega, se ben, no inmediato necesitanse alternativas que permitan desconxestionar realmente o sistema e que pasan por garantir a atención presencial e que esta se realice sen demoras e, coherentemente, por incrementar o número de profesionais en todas as categorías.

Así mesmo, é urxente o desenvolvemento dun auténtico plan de recuperación das listas de espera, dotado de orzamento suficiente e acompañado dun plan de recursos humanos que vaia destinado á totalidade das 350.000 persoas que están nas listas de espera. Por último, no momento actual é imprescindible a transparencia en todo o proceso de vacinación e o seur reforzo.

Así pois facemos un chamamento á militancia da UPG e ao conxunto do pobo galego a participar nestas concentracións.

Manifesto de SOS Sanidade Pública para estas concentracións.

Información tirada da web do BNG coas declaracións de Montse Prado.