Conclusións da Conferencia Nacional da UPG
A Unión do Povo Galego realizou unha Conferencia Nacional o pasado sábado, 19 de xaneiro de 2013. A Conferencia quería propiciar unha análise dentro do Partido sobre o momento actual do nacionalismo galego. Despois de que rematase a primeira fase de debate no seo do BNG -ao longo de decembro e primeiras semanas de xaneiro-, tamén quixemos contribuír colectivamente para o suceso dese proceso de reflexión que concluirá na próxima Asemblea Nacional.
O documento final que se achega é resultado dos debates na base, nas estruturas territoriais do Partido, e que concluiron no debate nacional en Santiago de Compostela o 19 de xaneiro de 2013. Incorporando as emendas que se fixeron ao texto base e que foron amplamente discutidas na Conferencia.
DOCUMENTO APROBADO NA CONFERENCIA NACIONAL DA UPG
QUE DECORREU O 19 DE XANEIRO DE 2013
Introdución
A situación actual do nacionalismo precisa de profunda reflexión e de urxente actuación. O BNG iniciou, após as eleccións de Outubro de 2012, un proceso de debate, aberto mesmo á base social nacionalista, que visa estabelecer os elementos de corrección necesarios para recuperar a sintonía política e os vínculos afectivos cos sectores sociais que sempre apoiaron o nacionalismo. O obxectivo é activar a ferramenta máis útil que ten este País para lograrmos amplos apoios sociais que permitan avanzar para o obxectivo da soberanía e da construción dun modelo social xusto e igualitario.
Somos conscientes da relevancia de este proceso se desenvolver con sinceridade e en profundidade, prestando atención a todas as opinións que, desde a vontade de mellorar e fortalecer o BNG, están a ser feitas pola militancia e aínda por moitas persoas simpatizantes que saben da importancia para a nosa nación dun BNG forte e cun crecente apoio social. Aliás, temos a convicción de que, do momento decisivo en que se encontra o nacionalismo, só é posíbel saír con un debate sereno, sustentado no espírito de unidade e dos cambios urxentes e necesarios, e que sirva para ilusionar o conxunto da organización.
Tamén sabemos que cando se aborda un proceso de debate como este se corren dous riscos contrapostos, mas igual de negativos. Por unha parte, unha actitude de resistencia a recoñecer e/ou asumir os erros ou insuficiencias propias, considerando que non hai nada que mudar porque a situación é consecuencia de factores externos, responsabilidades alleas ou simplemente se salda traballando máis. Por outra, unha tendencia a acentuar as propias incapacidades e erros, dándolles valor absoluto, sen os pór en relación co contexto e sen contrastalos cos acertos, as virtudes e, sobre todo, as potencialidades do proxecto. Ningunha destes dúas actitudes se corresponde co espírito revolucionario que debe presidir sempre a nosa actuación e as nosas análises e, alén diso, ningunha das dúas favorece unha resolución positiva para este proceso, que permita o fortalecemento da posición do BNG.
Nós entendemos que o BNG é hoxe o mellor instrumento que ten este País para subsistir como pobo e para aspirar a un futuro de liberdade. É por iso que debemos sempre estimular a auto-estima no BNG pola historia que temos detrás, o esforzo realizado, as moitas iniciativas e propostas e sermos a defensa máis xenuína da Galiza. Pola mesma razón temos que rexeitar as condutas políticas que denigran, desprestixian e prexudican a organización desde dentro, condutas que non teñen nada a ver coa adecuada identificación dos problemas e das mudanzas necesarias para resolvelos.
Dito isto, tamén non debemos fechar os ollos aos erros, aos funcionamentos deturpados que embazan a eficacia da nosa actuación, ás incapacidades ou insuficiencias, mesmo se foron intensificadas por factores externos (grupos económicos da comunicación, dinámicas políticas que nós non controlamos ou non soubemos prever…) En troca, debemos saber identificalas a partir das nosas propias reflexións, do debate aberto no BNG, e aínda das achegas que está a facer a base simpatizante do nacionalismo. E, sobre todo, debemos ter a firme determinación de corrixilas. Nesa liña, queremos contribuír como Partido para o suceso do debate estabelecendo algunhas das que, na nosa opinión, son medidas positivas e necesarias.
1.- Liña política
A XIII Asemblea Nacional supuxo un paso enorme canto ao esclarecemento da posición política do BNG. Dun lado, analizando como definitivamente esgotada a vía do cadro xurídico autonómico para alargarmos progresivamente o autogoberno e, en consecuencia, apostando sen hesitacións no obxectivo estratéxico da soberanía nacional, concretada nun Estado galego, laico e democrático, a República da Galiza. Doutro, reafirmando o compromiso cun modelo social e económico radicalmente diferente –máxime nun contexto de brutal agresión social derivada da crise do modelo neo-liberal de capitalismo salvaxe- e asumindo que a nosa praxe -en coherencia coa sociedade que queremos construír- debe asentar tamén no feminismo e a loita contra o patriarcado como no ecoloxismo e a aposta en fórmulas económicas respectuosas co medio e que eviten a depredación dos recursos naturais. Esclareceuse, igualmente, a posición a respecto da Unión Europea e a globalización e, en consecuencia, reafirmouse o anti-imperialismo como un dos eixos básicos da actuación do BNG.
Agora ben, temos que asumir que, por diversas razóns, a contundencia política e ideolóxica das teses de Amio non chegou á sociedade, nin mesmo a unha boa parte da nosa base social tradicional. Non fomos capaces de visibilizar adecuadamente a aposta decididamente soberanista nin de articular un discurso en que ficase claro que a resolución dos graves problemas sociais e económicos que padece o pobo e mesmo as propostas que nós defendemos como saída, só serán enteiramente posíbeis a partir do exercicio da soberanía. Como tampouco a intensa e rotunda oposición ás políticas anti-sociais dos gobernos galego e español, quer do PSOE quer do PP, mediatizadas por outros elementos, serviron para que se nos percibise como a forza referencial da indignación, da protesta e da rebeldía que, a pesar dos erros, realmente fomos.
Do noso punto de vista é preciso, por tanto, ratificar unha liña política que entendemos acertada, actualizándoa no que for preciso como consecuencia da rápida mudanza da situación e actuar para esclarecer na nosa base social a unidade indisolúbel entre nacionalismo galego e contido popular das súas reivindicacións ou, dito doutra forma, a relación de interdependencia entre cuestión nacional e cuestión social. Por outra parte, é preciso incorporar á práctica diaria e ao discurso nacionalista a cuestión da soberanía, trasladándoa á sociedade da maneira máis didáctica posíbel mais asumíndoa como organización con absoluta decisión e, por tanto, afianzando a percepción do BNG como referente político de todas as persoas que aspiran á soberanía e á independencia nacional. Isto contribuirá, sen dúbida, para eliminar os factores de homologación e confusión coa esquerda española actuante na Galiza.
2.- Auto-organización e unidade nacionalista
Para a UPG sempre foi obxectivo central a unidade do nacionalismo, na medida en que é a premisa básica para garantirmos a capacidade real de actuación política do pobo galego como tal, a posibilidade de mellor defender os seus intereses e, loxicamente, a perspectiva de podermos exercer o dereito de autodeterminación. E hoxe mantemos este obxectivo como prioritario. Mais, no actual contexto, haberá que comezar por crearmos dinámicas políticas que favorezan ese proceso, sen precipitacións e sen perdermos a perspectiva de que a mellor expresión da unidade na pluralidade continúa sendo o BNG. Unha máis ampla unidade orgánica do nacionalismo no futuro só será posíbel se o BNG se revitaliza, se afortala como referente social e se perfecciona como organización plural e, por tanto, esa debe ser a nosa prioridade política.
En todo o caso, calquera proceso de unidade nacionalista debe sustentarse, como sempre aconteceu desde a reorganización nos anos 60 do século pasado, sobre a base da auto-organización das clases populares galegas e a súa plasmación a todos os niveis. Entendemos que o principio e a práctica da auto-organización teñen carácter básico e estratéxico -por tanto irrenunciábel, porque é o que garante forzas políticas, sindicais e sociais propias e plenamente soberanas para poder levar adiante o proceso de soberanía.
De calquera forma, deberá ser comportamento noso -e entendemos que do BNG- manter relacións cordiais con todos os grupos nacionalistas, incentivando un achegamento que puider posibilitar formas de unidade de acción social e política e, co tempo, mesmo organizativas.
3.- Soberanía nacional
Colocar nun espazo central da actuación do BNG a loita pola soberanía, adquire carácter estratéxico e, en consecuencia, debemos formulalo como unha prioridade política. En tempos como os actuais de profunda crise económica, onde todos os nosos sectores produtivos están padecendo os rigores das políticas neoliberais ditadas polo Estado e especialmente pola Unión Europea, e tomando en consideración as dinámicas políticas que se están conformando no Estado español, faise imprescindíbel a coordinación estábel e a adopción de respostas comúns polo conxunto da “comunidade nacional consciente”, sempre en parámetros de auto-organización.
A iniciativa polo dereito da Galiza a decidir, debe contar co máximo apoio social e político e, nesa medida, debe ser abordado desde a perspectiva de propiciar espazos de traballo unitario de todas as forzas sociais, económicas, culturais, políticas, etc que acrediten na capacidade da Galiza tanto no plano produtivo como no plano político, isto é, a capacidade de sermos suxeitos de decisións sobre o noso futuro como pobo, o único xeito de saírmos da crise económica que padecemos.
Trátase de dar inicio a un proceso social amplo que coloque no debate político diario as razóns polas que a Galiza precisa de soberanía, que contribúa decisivamente para o crecemento da consciencia nacional e que posibilite a acumulación de forzas necesaria para camiñarmos para o obxectivo final soberanía e da independencia nacional, para podermos construír na Galiza unha sociedade realmente xusta, democrática e igualitaria.
Aliás, neste momento esta é a concreción posíbel da unidade nacionalista. E, probabelmente o mellor campo de traballo para irmos creando -como diciamos- espazos de relación e de colaboración. En función do resultado futuro, deberase analizar a conveniencia de dar máis pasos que permitan trasladar esa unidade de acción ao ámbito político, electoral ou mesmo orgánico.
4.- Actuación política e social
Cómpre asumir, dunha vez por todas, que os tempos políticos que corren nada teñen a ver co pasado, mesmo recente, e exixen mudarmos con urxencia a maneira de actuar, tanto nas institucións como no traballo social. A crise de lexitimidade das institucións do sistema político español mudou radicalmente as percepcións sociais sobre a actividade política e a nosa actuación debe tamén cambiar con ela para sermos eficaces e superarmos a inxusta consideración social do BNG como unha forza asimilábel ás do sistema. Comezando por lle dar máis contundencia e radicalidade á nosa actuación na forma ao tempo que a orientamos no contido.
Sen descoidarmos ningún ámbito de traballo, é preciso prestar máis importancia ao labor de intervención social, ás iniciativas políticas na sociedade. O labor institucional poderá ser extraordinario e preciso (exemplares iniciativas institucionais) mais inútil se non se acompaña de práctica social, se con el non se fai activismo social. Hai que recuperar o principio de que o traballo institucional non é un fin en si mesmo, senón que debe ter o valor de caixa de resonancia dos conflitos que existen na sociedade ou que nos mesmos promovemos, sen desprezar as posibilidades que ofrece de transmitir a rebeldía e combatividade do nacionalismo á hora de afrontar a situación actual. Compre que os representantes institucionais teñen presenza e participación nos conflitos sociais, contribuíndo para alimentar a resposta social contra as inxustas medidas en relación coa crise.
Son necesarios comportamentos nas institucións acordes co noso discurso, que nos faga críbeis e que conecten coa sensibilidade dos sectores sociais proclives ao nacionalismo. Por iso, a rebeldía que practicamos no traballo social, e que nos referencia, debe ter correspondencia coa imaxe que de nós damos cando actuamos desde unha institución, máis aínda se temos responsabilidades de Goberno.
5.- Frentismo e funcionamento interno
Como Partido, apostamos claramente en manter o frentismo como criterio político-organizativo para o BNG. Mais non o facemos por un cativo interese partidista. Moi ao contrario, facémolo desde a absoluta convicción de que é a única solución para aliar pluralismo e unidade de acción política, para garantir un BNG aberto e de funcionamento unitario. Porque o frentismo non é unha invención fortuíta ou caprichosa, senón que responde a unha análise e interpretación desde a Galiza sobre a forma organizada máis adecuada e historicamente máis solvente para afrontar o proceso de liberación nacional e social. Temos claro que o frentismo é, hoxe por hoxe, a formulación organizativa posíbel máis inclusiva e integradora. Alén do máis, na perspectiva da unidade do nacionalismo, manter o frentismo é a mellor garantía -e a maior mensaxe simbólica- de que o BNG mantén as portas abertas para que organizacións, partidos ou colectivos puideren integrarse sen por iso teren de renunciar ás súas características ideolóxicas ou á propia existencia.
Agora ben, non teñen nada a ver co frentismo funcionamentos viciados, que levaron a dinámicas de partes -en momentos, claramente promovidas para lograr situacións de ruptura como as que se xeraron arredor da Asemblea de Amio- e provocaron que moita da militancia non adscrita se sentise excluída da tomada de decisións ou da posibilidade de participar con plena capacidade en todos os ámbitos da vida interna da organización. Aínda sabendo que algunhas situacións foron inevitábeis, temos que recoñecer con espírito autocrítico a nosa parte de responsabilidade, particularmente por non sermos capaces de corrixir totalmente estas dinámicas no ano que decorreu desde a XIII Asemblea Nacional.
Neste sentido, cómpre entender o pluralismo conforme a historia do BNG: cultura do diálogo, do acordo e do consenso, superando a concepción deturpada do pluralismo como reparto de postos e negociación de partes, que levou o BNG a prácticas máis propias dunha coalición electoral. Aliás, o noso Partido avogará por que todos os debates esenciais sexan abordados directamente polos órganos de dirección do BNG, quer no ámbito nacional, quer no comarcal ou local, e sexan trasladados ás asembleas correspondentes. Asumimos, por tanto, o firme compromiso de traballarmos por revitalizar a vida interna do BNG sobre novas bases, para lograrmos unha mellor convivencia de toda a militancia, cohesión interna e, aínda, menos burocratismo e maior eficacia no funcionamento da organización.
6.- Compromiso militante
No XIII Congreso do noso partido, hai apenas 6 meses, para alén de actualizarmos as análises e propostas políticas, dedicamos especial atención ao obxectivo de lograrmos ter unha militancia máis activa e comprometida. Nas conclusións do Congreso recolliamolo sinteticamente con estas palabras: “Tomando como partida as novas formas de organización e de mobilización social, a resposta que temos que dar como Partido é incitar toda a nosa militancia a ter iniciativa. A participarmos, mesmo se esas mobilizacións partiren de premisas organizativas diferentes das nosas ou non concordarmos coa totalidade das súas formulacións. Trátase de non desaproveitarmos a oportunidade de expresar os nosos pontos de vista, de darmos a batalla das ideas e de defendermos o principio básico de autoorganización do pobo galego. Temos, por tanto, que desembarazarnos de actitudes rotineiras e procurar ser referentes pola capacidade de análise e polo traballo desenvolvido.” Pois ben, pouco ou nada temos avanzado neste ámbito. Ben é verdade que o tempo transcorrido non é moito, mais aínda así deberíamos ter xa constatado mudanzas no comportamento do corpo militante. É por isto que hoxe traemos de novo a esta Conferencia Nacional algúns criterios que entendemos básicos para avanzar:
a) Necesidade de que cada militante da UPG asuma que ten de desenvolver un papel de activismo político e social. Non cabe limitarse a ter un carné, asistir e participar nas reunións, aínda que sexa de forma activa, pensando que deste modo xa se está cumprido un papel. O noso compromiso implica sermos axentes sociais activ@s para a difusión do nacionalismo, fuxindo de entender isto como algo burocrático, mais como unha práctica ideolóxica e social real.
b) As persoas militantes deben asumir que o obxectivo é ser referente pola súa actuación social nas diferentes organizacións ou nos novos movementos que están a xurdir. Para iso, hai que preocuparse por traballar, involucrarse, intervir, propor iniciativas. Facelo de forma respectuosa, pedagóxica, comprensíbel, e con propostas concretas de actuación, para convencer, non para adoutrinar. A receptividade do noso discurso tamén depende das actitudes e das formas á hora de expresalo. Recuperar a imaxe social do nacionalismo tamén depende de sermos exemplares na capacidade de iniciativa e de traballo práctico, de sabérmonos misturar coa xente, sen obsesións en identificarnos a priori como militantes nacionalistas, mais actuando con clareza e sen complexos.
c) Termos iniciativa nun momento tan convulso, mais de grande potencial para o nacionalismo vendo as múltiples e diferentes respostas populares ante a crise, hai que entendelo como dereito a equivocarse por actuar, sen medos. É preferíbel errar e fracasar na posta en práctica das iniciativas que os estériles éxitos de brillantes propostas que fican no papel ou en palabraría.
Por outra parte, e en relación co proceso que nos ocupa, temos de ser conscientes de que non será posíbel saírmos adiante con suceso se, ademais da decisión colectiva, non existe compromiso militante individual, concretado nunha actitude activa nos debates, tratando de atinar nas análises e propostas e, ao tempo, procurando ilusionar e desterrar o pesimismo e a derrota. Nomeadamente, debemos tomar a serio, na fase de debate social, o contacto con simpatizantes e a organización de micro-actos sectoriais con persoas próximas, promovendo mesmo que se emitan declaracións públicas de apoio ao BNG.
Particular atención merece o ámbito sindical, consolidando a CIG como referencia do sindicalismo de clase na Galiza, onde non só é preciso máis proselitismo, senón que cómpre mudar a forma de actuar de modo que un dos obxectivos sexa facer medrar a conciencia nacional dos traballadores e traballadoras, o achegamento ao nacionalismo e a simpatía e/ou militancia no BNG.
PROPOSTAS CONCRETAS
Mudanzas que entendemos precisas no funcionamento do BNG. A necesidade ilusionar, en primeiro lugar, á militancia e base simpatizante, pasa por entender que os cambios a introducir non poden limitarse á composición ou funcionamento das estruturas nacionais. En troca, teñen que ser –esencialmente- tanto na dirección como nas Asembleas Locais e Comarcais. Só atacando as nosas inercias desde os dous polos poderán ser vencidas. Apuntamos algunhas propostas:
- Asemblea Nacional aberta a toda a militancia, sen delegad@s. Os debates en localidades e comarcas non se poden reducir só ás emendas, senón que deberán ter un carácter global e formativo.
- Estruturar a base social do nacionalismo, a comezar polas persoas simpatizantes, dándolles un papel e unha participación no espallamento da nosa política, co previo coñecemento das nosas alternativas. Para iso, deberanse convocar con regularidade as asembleas locais ou reunións informativas abertas a simpatizantes. O obxectivo, a procura da participación e do envolvemento do maior número de persoas nos debates e no traballo político do BNG.
- Estudar o modo de que as asembleas locais e/ou comarcais puideren formular propostas para a conformación do Consello Nacional e outras responsabilidades orgánicas.
- Cómpre reestruturar e redefinir o papel das comisión sectoriais para se tornaren una ferramenta que fomente a participación das bases na elaboración e definición do traballo político
- Valorizar a estruturación e asentamento territorial do BNG como unha oportunidade que convén potenciar. Nesta liña, situar como elemento central do traballo político a Asemblea Local, sabendo que nas cidades a estrutura de base pode ser a un nivel menor.
- Estabelecer que as Asembleas ordinarias deban ter, como mínimo, un punto de información e debate mais tamén outro de propostas de traballo até a seguinte Asemblea. Aliás, procurar tamén que na Asemblea –ou Consello Local- o tempo dos debates deba ter un equilibrio entre a acción institucional e a acción social.
- Desburocratizar o funcionamento das estruturas comarcais, facéndoas máis operativas e orientando o seu obxectivo ao asentamento de organizacións locais sólidas. Neste sentido, entendemos que:* O Consello Comarcal debería asumir como funcións esenciais: dar conta dos acordos adoptados nos órganos nacionais e como aplicalos –se for o caso- a nivel local; garantir que os concellos con Asembleas Locais constituídas están facendo traballo político (non só institucional); que ese traballo ten unhas mínimas características homoxéneas, implantar o BNG naqueles concellos onde non exista Asemblea Local e aínda, impulsar e desenvolver iniciativas políticas de ámbito comarcal.* As Asembleas Comarcais estarían orientadas a debater a liña política nacional, para lograr a maior asunción dos acordos tomados, así como outros asuntos que tiveren dimensión supra-municipal.
Dirección. A nova estrutura do BNG debe valer para impulsar o traballo por abaixo, desde as comarcas e as localidades, incentivando a iniciativa política nestes niveis e a formación e información debidas para asumir esta tarefa, eliminando a endogamia e a burocracia que impiden facer política para fóra. Polo tanto, o Consello Nacional e a Executiva Nacional deben conformarse tendo en conta a estrutura comarcal e tamén a capacidade de traballo e o interese por dinamizar o BNG.
É preciso buscar maior flexibilidade e representatividade en canto á composición e o pluralismo nos órganos do BNG, sempre desde o respecto ás decisións da maioría, e en particular aos acordos asemblearios que, no terreo ideolóxico, político, programático e de obxectivos, se decidiren.
Defendemos o criterio de que as áreas nacionais que o BNG defina como máis sensíbeis para a boa marcha da organización deban ter –na medida das posibilidades- unha dedicación política case completa a ese cometido.
Na práctica, é oportuna unha renovación da dirección que supoña manter referencias actuais -en particular polo papel que están e poden continuar a cumprir- e incorporar novas persoas que podan ser referenciais nesta nova etapa.
Combate ideolóxico e cultural. Cómpre pór en primeiro plano a necesidade de combate ideolóxico e cultural na sociedade coa debida intelixencia, mellorando as estratexias de comunicación social, incorporando decididamente as redes sociais ao labor de difusión política, actuando sobre a formación da militancia, fortalecendo os medios de comunicación ao noso alcance, definindo as estratexias adecuadas para lograrmos a maior presenza posíbel nos medios de comunicación de Galiza, principalmente públicos, e impulsando un amplo labor cultural.
É preciso reactivar o traballo no ámbito cultural, superando burocratismos, e centrando os esforzos nun labor de interese do punto de vista ideolóxico; tratando de informar e formar sobre aspectos esenciais da nosa realidade cultural, social, histórica, económica e política ou sobre os modelos e dinámicas socioeconómicas. Xestionado da maneira adecuada, este pode e debe ser un ámbito privilexiado para a xeración de consciencia nacional e social e para o medre do nacionalismo.
Tamén a formación é chave para a propia cohesión do BNG. Cómpre un plano de formación política para a militancia que inclúa a organización de seminarios, publicacións, palestras, debates, redes de formación, obradoiros lingüísticos, etc. É preciso sistematizar este traballo, no que a Fundación Galiza Sempre debe xogar un papel importante.
Mais tamén debemos actuar sobre os nosos propios comportamentos comunicativos. Debemos comezar por utilizar unha linguaxe máis directa, clara, comprensíbel, sen elementos “ao uso” do convencionalmente asociado á “política”. Liberarnos do lastre lingüístico que padecemos, consistente en falar sen dicirmos nada e utilizar as mesmas expresións que nos dita o poder. Aínda, o dominio, corrección e coherencia no uso do idioma galego deben ser criterio imprescindíbel para as e os compañeiros que exerzan responsabilidades públicas e preocupación para o conxunto da militancia do BNG.
Política municipal. É necesario que o BNG teña unha visión global e uniforme da política que desenvolve nas institucións, particularmente nos concellos. A coherencia da nosa práctica neles debe contribuír para que o pobo restabeleza a confianza na nosa alternativa política. Para este fin debe traballar a Comisión Nacional de Política Municipal, con representantes de todas as comarcas. Esta visión de conxunto non pode servir de obstáculo para entendermos que se dan circunstancias distintas tanto nas cidades como formando parte de gobernos ou co-gobernos ou na oposición. Estas tres particularidades tamén deben ter a necesaria canle organizativa.
Especial relevancia adquire a expansión do BNG aos concellos en que non temos presenza organizada estábel e comezar a desenvolver neles iniciativas políticas continuadas que permitan a consolidación organizativa coa perspectiva das próximas eleccións municipais.
Política xuvenil e organización da mocidade. Entendemos que é fundamental a existencia dunha organización xuvenil nacionalista e, por tanto, defendemos a continuidade de Galiza Nova como organización xuvenil do BNG. Agora ben, cremos que é preciso corrixirmos a actuación, a partir dunha revisión profunda, para permitir crear novas dinámicas de traballo e abrir novos escenarios de actuación e intervención social, e garantir a máxima pluralidade. Nese sentido, debemos propiciar unha actuación conxunta e coordinada das organizacións estudantís nacionalistas sostida no tempo, que permita xerar unha dinámica de colaboración mutua e ir eliminando preconceptos e resistencias para acadar o antes posíbel a unidade do nacionalismo estudantil.
O interesado desprestixio da política por parte do poder como medio para neutralizar as opcións alternativas, transmitindo a idea de que todos “os políticos” son iguais e que as cousas non se poden mudar, callou en amplos sectores sociais e particularmente na mocidade. A constatación disto, xunto coas mudanzas vividas pola mocidade galega, tanto desde un punto de vista das oportunidades laborais como pola crecente ofensiva españolizada, obrigan a que o nacionalismo realice un esforzo suplementar no ámbito xuvenil para ser quen de organizar e orientar todas as enerxías críticas co sistema desde un enfoque galego e cunha praxe galeguizadora. Nesta liña, pezas fundamentais son, ao noso xuízo, maior contundencia nas formas e nas alternativas políticas, a aposta no asociacionismo xuvenil de base así como sistematizar un traballo continuado nos centros de ensino, nomeadamente de secundaria.
Política internacional. É necesario que o nacionalismo preste maior atención e dedicación ás relacións internacionais, especialmente nun contexto de emerxencia de procesos de soberanía en diferentes nacións, cuxo coñecemento e divulgación pode contribuír positivamente para fortalecer as nosas posicións na sociedade galega.
No ámbito do Estado, cremos que se debe priorizar a relación con EH Bildu e ERC, mesmo concretando alianzas fóra de citas rituais e, en especial, buscando fórmulas de colaboración electoral de cara ás próximas eleccións ao Parlamento Europeo.
É preciso tamén estreitar as relacións co PCP e o Bloco de Esquerda en Portugal, particularmente interesantes para intensificar o relacionamento da Galiza cos países lusófonos, unha estratexia claramente produtiva e beneficiosa para o nacionalismo galego. Cómpre tamén recuperar a relación co Sinn Féin e cultivala con outras forzas da esquerda soberanista de Europa e do mundo.
Galiza (Santiago de Compostela), 19 de xaneiro de 2013