Condenamos o ataque do exército marroquí contra civís saharauis desarmados

A actuación do exército marroquí onte día 13 de novembro contra civís saharauís supón un grave incumprimento dos acordos de paz, eleva a tensión entre os dous países e ataca directamente a integridade territorial da República Árabe Saharauí Democrática.

Non estamos diante dun feito illado, Marrocos leva moito tempo despregando actuacións agresivas, e córrese o perigo de que se rompa o acordo de alto o fogo asinado  en 1991 caso de que a Fronte Polisario exerza o seu dereito á lexítima defensa permanente diante das agresións armadas.

O povo saharauí leva 29 anos agardando polo cumprimento do punto fundamental do acordo de alto o fogo, a realización do referendo de autodeterminación que lle permita decidir o seu futuro, pero as Nacións Unidas e a comunidade internacional miran cara outro lado diante dos incumprimentos por parte de Marrocos, diante da dura represión que exerce nos territorios ocupados contra a resistencia marroquí, e diante do incumprimento dos dereitos humanos, e da política expansionista de instalación de cidadáns marroquís nos territorios ocupados para impedir que haxa uns censos reais de povoación saharauí.

Na zona na que se produciu a agresión militar, Guerguerat, no suroeste del Sáhara Occidental, Marrocos leva anos realizando actividades contrarias ao chamado “Acordo Militar Nº 1”  asinado entre a MINURSO e a Fronte Polisario en 1997, e entre a MINURSO e Marrocos en 1998. Desde o 20 de outubro desenvólvese unha protesta pacífica de cidadáns saharauís esixindo o remate das actividades ilegais de Marrocos; pero a monarquía alauita responde a esa mobilización pacífica co exército.

Denunciamos a complicidade dos distintos gobernos españois, sexan do PSOE ou do PP, que diante de Marrocos son consentidores, incumprindo a obriga do estado español como antiga potencia colonizadora, de ser axente activo no proceso que debe rematar coa celebración do referendo de autodeterminación, un referendo no que só debe participar o povo saharauí.

Diante da actual situación a UPG quere manifestar unha vez máis o seu total apoio á causa  saharauí, pois a súa loita por exercer a soberanía plena no seu territorio é unha loita que nos incumbe a todos os povos.

Esiximos das Nacións unidas e da comunidade internacional unha actuación firme obrigando a Marrocos a cumprir os acordos asinados, parando o expansionismo marroquí,  e impedindo que prosiga no proceso de espolio das riquezas do Sáhara .

Trasladamos á Fronte Polisario a nosa solidariedade diante desta nova agresión e a nosa disposición a seguir colaborando con ela.

Facemos un chamamento ao povo galego a redobrar o seu tradicional compromiso coa causa saharauí.

 

Compostela; 14 de novembro de 2020

Secretaría de Relacións Internacionais

Unión do Povo Galego