Condenamos a detención por parte de Israel da deputada palestina e dirixente da FPLP Khalida Jarrar e esiximos a súa liberación inmedita

Diante da detención no día de onte da deputada e dirixente da Fronte Popular de Liberación de Palestina Khalida Jarrar e de outr@s activistas palestinos, a UPG denuncia unha vez máis a política xenocida do estado israelí contra o povo palestino, unha actuación que Israel executa con apoio explícito duns gobernos occidentais que miran cara outro lado.

Esiximos a inmediata liberación de Khalida Jarrar, de todas as persoas detidas onte con ela e dos milleiros de prisioneiros políticos palestinos que están nas cadeas de Israel polo “delito” de defender o dereito do povo palestino a constituír un estado independente e vivir libre na súa terra.

Queremos lembrar ademais que a detención de Khalida Jarrar non é un feito anecdótico, senón que forma parte dunha operación planificada por parte do estado sionista para tentar descabezar o movemento de resistencia palestino facendo prisioneiros aos seus líderes ou asasinándoos, ao tempo que proceden a operacións de terror e xenocidio que non teñen nada que envexar ás executadas pola Alemaña nazi. Neste sentido non podemos esquecer que o Secretario Xeral da FPLP, o camarada Ahmad Saadat leva desde 2006 prisioneiro en cárceres israelís.

Desde Galiza ao tempo que denunciamos este último ataque na persoa de Khalida Jarrar e de todas as persoas detidas onte, queremos amosar unha vez máis o noso apoio ao povo palestino e a nosa admiración pola loita exemplar de resistencia fronte ao invasor.

 

Santiago de Compostela; 3 de xullo de 2017

Secretaría de Relacións Internacionais