Condenamos o Estado de excepción en Cataluña e chamamos a defender as liberdades
A actuación do aparello do rexime español nesta cuarta feira (20) en Cataluña, co asalto a sedes do Goberno e detención de altos cargos da Generalitat, traspasou todas as liñas vermellas do punto de vista democrático e resulta nun auténtico golpe de estado contra as institucións e o autogoberno de Cataluña. O Estado español tenta por todos os medios coercitivos e violentos, mesmo se foren ilegais de acordo coa propia lexislación española, trabar a vontade democrática do povo catalán de exercer o dereito de autodeterminación e conquistar a independencia.
Esta actuación pón en evidencia o verdadeiro carácter autoritario e antidemocrático do Estado español. Ao longo das últimas décadas temos denunciado permanentemente que o sistema político español saído da Transición e da Constitución de 78 non era democrático. Agora non só non o é senón que tampouco o parece. O proceso de independencia de Cataluña deixou ao descuberto a verdadeira face da ‘democracia española’. A negación de dereitos e liberdades fundamentais é a receita con que o rexime español responde ás ansias de liberdade dos pobos.
Non é compatíbel cos mínimos principios democráticos a criminalización do dereito de voto, a persecución de cargos públicos por defenderen ese dereito, a prohibición de actos, o fechamentos de webs, o ataque a medios de comunicación, o secuestro de revistas, cartaces ou urnas… Non pode considerarse democrático un Estado que conculca os dereitos básicos e a liberdade de expresión, de opinión, de reunión, de información e de decisión a través do voto.
Sabemos que o ataque aos dereitos e liberdades en Cataluña é un ataque aos dereitos e liberdades de todas as persoas que vivimos no Estado español e tamén ao de todas as nacións que aínda facemos parte del e aspiramos a ser libres. Por iso chamamos á mobilización para defender a democracia e o dereito dos povos a decidir, a exercer a autodeterminación e a se constituír en Estados soberanos e independentes. Hoxe, defender a liberdade de Cataluña é tamén defender a liberdade da Galiza e de todas as persoas.
Expresamos o noso total apoio ao povo catalán que está na rúa manifestando a súa soberanía, ao Goberno de Cataluña, así como a todas as forzas políticas independentistas que están a ser atacadas polo rexime español. Pola nosa parte, reafirmamos -máis unha vez- o compromiso de continuar reforzando a auto-organización do povo galego e de seguir a traballar pola ruptura democrática no noso país até conquistar a independencia da nosa nación e constituír o noso propio Estado soberano, a República da Galiza.