Condenamos o intento de ilegalizar o DKP

O Partido Comunista Alemán-DKP está a atravesar un momento moi delicado, diante da ameaza por parte das autoridades alemás de retirarlle a condición de partido político legal, o que lle impediría participar nas eleccións federais do vindeiro mes de setembro, nas que o DKP ten previsto concorrer con candidaturas en 11 estados.

Hai que sinalar que, de levarse a termo esta ameaza, estaríamos diante da terceira ilegalización dos comunistas en Alemaña; o primeiro partido comunista, o KPD, que tiña orixe nas Liga Espartaquista fundada por Karl Liebknecht, Rosa Luxemburgo e Clara Zetkin foi ilegalizado polo réxime nazi; reconstituíuse despois da segunda guerra mundial e en 1956 volveu a ser ilegalizado na República Federal Alemá. O actual Partido Comunista Alemán-DKP fundouse en 1968.

O goberno alemán ameaza ao DKP coa ilegalización facendo uso da lexislación de asociacións dese país que é moi rigorosa e complexa para un partido político pequeno. Pero o Partido Comunista Alemán-DKP até o momento non incumpriu esa lei, e por tanto considera que a ilegalización sería unha medida totalmente arbitraria e demostraría que hai unha clara persecución contra a esquerda, e en concreto que se busca por parte das autoridades impedir que o pobo alemán poida coñecer as propostas políticas dos e das comunistas.

Diante deste grave ataque a UPG enviou unha mensaxe de solidariedade ao DKP, que transcribimos a continuación.

Ao Partido Comunista Alemán

Camaradas:

Trasladámoslles a solidariedade do Comité Central e de toda a militancia da Unión do Povo Galego, diante da posibilidade de que se  lles impida participar nas eleccións federais do mes de setembro, e diante da ameaza de perda do status de partido político leqal do DKP.

Consideramos que estamos diante dun grave ataque contra o dereito dos e das comunistas de Alemaña a defender o seu ideario político, e de producirse a ilegalización do DKP sería volver en Alemaña aos tempos da ditadura nazi e ás actuación de Adeanuer en plena guerra fría.

Esiximos das autoridades alemás que cesen de inmediato os ataques  ao Partido Comunista Alemán,  e que deixen de buscarse escusas burocráticas que só serven para agachar a intención da dereita de eliminar a discrepancia política criminalizando ás forzas de esquerda e especialmente aos e ás comunistas.

O DKP ten demostrado desde a súa creación o seu compromiso coa clase traballadora e co pobo alemán e estamos seguros de que seguirán adiante na loita.

 

Un abrazo internacionalista!!

 

Secretaria de Relacións Internacionais

Comité Central

Unión do Povo Galego