Condenar o masacre. Defender a liberdade do povo palestino

O pasado 14 de maio o estado de Israel celebrou o 70 aniversario da súa creación con un novo masacre sobre o povo palestino, un masacre que ten provocado nos últimos días máis de 100 mortes e perto de 3000 feridos,  diante da pasividade da maioría dunha comunidade internacional que non fai nada para parar un auténtico xenocidio Unha pasividade que verdadeiramente é complicidade co sionismo e co seu protector, o imperialismo norteamericano que ten dado un novo paso na provocación ao abrir nese mesmo día a súa embaixada en Xerusalén.

Nestes 70 anos de existencia do estado israelí comprobamos como quen se envolveu na bandeira do holocausto para xustificar a súa existencia, ten empregado todos os medios ao seu alcance co obxectivo de exterminar outro povo,  o povo palestino. desde a expulsión de 750.000 palestinos e palestinas das súas casas no ano 1948 teñen sido múltiples as atrocidades cometidas, ocupado de xeito ilegal territorio por medio de colonos, asasinado civís, asaltando campos de refuxiados…, e hoxe manteñen nos cárceres a máis de 6000 presos políticos.

A escalada agresiva dos últimos tempos, e os graves feitos acontecidos nos últimos días, precisan dunha resposta contundente e non de lamentacións, que só serven para agachar a complicidade e a submisión dos gobernos occidentais, diante dun estado que vén demostrando desde a súa creación que a única paz na que cree é na chamada paz dos cemiterios. O incumprimento de todas as resolucións das Nacións Unidas, os ataques a outros estados soberanos, e as operacións encubertas dos seus servizos de intelixencia  demostran que estamos diante dun estado criminal. Por iso a denuncia debe ir unida ao boicot a calquera tipo de actuación que poida favorecer os intereses de Israel ou branquear a súa imaxe.

A defensa do dereito do povo palestino a construír o seu futuro nun estado independente nas fronteiras anteriores a 1967, con capital en Xerusalén, é a defensa da liberdade de todos os povos e dunha orde internacional máis xusta.

O nacionalismo galego que mantén desde hai décadas unha profunda irmandade con palestina e coas organizacións políticas, sindicais e sociais palestinasdebe intensificar o labor solidario e internacionalista, sendo partícipe da organización de todos os actos de denuncia do masacre que está a cometer Israel e divulgando en Galiza a realidade da vida do povo mártir palestino.