O contexto político e o traballo que debemos enfrontar. Resolucións do Comité Central

Na sesión do Comité Central do noso Partido realizada no pasado venres 6 de xullo analizamos o actual momento político e acordamos a liñas básicas de actuación para os vindeiros meses:

O contexto político e o traballo que debemos enfrontar

É evidente que o cambio de goberno mudou algúns parámetros políticos, especialmente na percepción social maioritaria, que debemos tomar en conta para aquilatar a nosa actuación neste contexto. Mais en todo o caso, a nosa análise parte de que a substitución de partido no goberno non vai presupor unha mudanza substancial nas políticas fundamentais que determinan a situación de dependencia política do noso País nin tampouco nas principais orientacións económicas e sociais estabelecidas.

Nun momento de crise profunda, o rexime de 78 estaba precisando dunha mudanza formal que lle permitise recuperar credibilidade perdida para se manter no esencial. Así pois, trátase apenas dunha remuda de partidos dentro do rexime que non vai afectar no esencial nin as estruturas do sistema político constitucional español nin os dogmas do sistema capitalista en materia económica e social impostos vía Unión Europea.

Confirmando a análise que na altura realizou o Secretariado Político do noso Partido, fica claro que o que se pode esperar do novo goberno é exclusivamente unha política de xestos, encamiñada a mellorar a imaxe do rexime e a fortalecer as expectativas electorais do PSOE. Mesmo algúns anuncios de certo calado realizados, como a reforma constitucional en sentido “federal” -sendo como é inviábel-, deben ser entendidos como facendo parte da mesma estratexia. Debemos, por tanto, desmascarar canto antes esta política, entre outras cousas, para previr contra a tendencia á desmobilización a partir da miraxe de que xa está todo resolto.

Liñas da nosa actuación

Cómpre, pois, manter a tensión reivindicativa da sociedade galega e do próprio País. Neste sentido debemos continuar a desenvolver a Axenda Social que temos acordada e que guía a nosa actuación no ámbito social. Sabemos que é fundamental atender adecuadamente os conflitos sociais e políticos e manter a dinámica de mobilización para exixir a recuperación de dereitos colectivos e a conquista de novos avances sociais. É precisamente no conflito e na mobilización onde o nacionalismo pode saír gañando.

Na mesma liña, apoiaremos activamente a Axenda Galega que está a colocar sobre a mesa o BNG e que recolle propostas tácticas en relación con problemas sociais e económicos que precisan de urxente resolución, mais que tamén incorpora a perspectiva estratéxica de camiñar cara a un novo marco político que garanta a capacidade real de decidir da nación galega. É necesario manter e acrecentar o debate social sobre a necesidade da ruptura da dependencia política que padece o noso País por medio da asunción e exercicio da soberanía, como única forma de poder superar as limitacións que nos impón o modelo autonómico e constitucional español.

Neste sentido, é chave o apoio á Plataforma Vía Galega, nun momento en que está a nacer e precisa de se consolidar. Debemos contribuír para a dotar de máis capacidade operativa, fomentando a incorporación de máis persoas ao traballo permanente desta plataforma e aínda ao éxito do programa de actividades que ten previsto para este ano, centrado no centenario da Asemblea Nacionalista de Lugo.

Mais, no inmediato, debemos enfrontar o próximo 25 de xullo. O Día da Patria é sempre un bon medidor da capacidade de mobilización da base social nacionalista, chave para enfrontar en mellor posición desafíos futuros como as eleccións municipais. Máis aínda nun contexto de crise e contradicións da esquerda española que un éxito do nacionalismo pode contribuír a evidenciar. Así pois, debemos asumir o 25 de xullo como unha prioridadade política, e non apenas no que ten a ver coa manifestación dese día, senón prestando tamén atención a todo o traballo previo nas comarcas e localidades e á organización de actividades que, sempre dentro dun marco festivo, permitan a información política, a formación, o proselitismo e o impulso á mobilización de Compostela.

Por outra parte, e dada a trascendencia política que isto ten para o presente e futuro do nacionalismo, debemos asumir como próprio o obxectivo de que a Galiza conte cun xornal en papel na nosa lingua e elaborado cunha perspectiva de País. De forma que debemos pór todos os nosos esforzos en lograr que O Diario Galego sexa unha realidade en 2019.

A nosa perspectiva das Eleccións Municipais e o contributo que podemos dar

Desde a nosa perspectiva, abordar adecuadamente o traballo das eleccións municipais é básico para o nacionalismo poder avanzar. Neste sentido, cremos que deben ser tidas en conta algunhas cuestións:
– O proceso de elaboración das candidaturas e todo o traballo deste ano nas localidades debe servir para alargar e fortalecer a organización do BNG por todo o País. Debe ser unha prioridade falar com moitas persoas para comprometelas a traballar con nós e, en última instancia, para se incorporaren á militancia nacionalista.
– Fóra de calquera tendencia ao institucionalismo e á tentación de nos limitarmos a xestionar, asumimos que os concellos en que estamos son tamén instrumentos de acción política, que deben servir para combater as políticas impostas ao noso País, crear conciencia nacional e fortalecer o nacionalismo. Mantermos unha actuación coherente e decidida neste sentido axudará a mellorar o posicionamento nas próximas eleccións.
– Do mesmo modo, gaña importancia a atención que nestes meses -e, claro, no futuro- se preste á lingua, á cultura, ao traballo co tecido cultural galego e a todo o que ten a ver cos nosos símbolos nacionais, na liña do recollido na Estratexia Avanza Galiza. En todo o caso, en relación cos símbolos, convén lembrar que sempre é preferíbel actuar en positivo, usando con normalidade e fomentando con naturalidade os propios, mais tamén mantendo a coherencia en non utilizar nin fomentar os alleos. Así pois, non participaremos baixo ningún pretexto de actividades que, de forma directa ou indirecta, contribúan para a españolización do noso povo.
– Ao noso xuízo, o enfoque da campaña debe partir de que o BNG é unha organización nacionalista e, por tanto, o proxecto municipal ten a súa razón de ser no modelo de país que defende. Iso significa vontade de colocar os concellos ao servizo do povo, con políticas transformadoras e de construción dunha nación soberana. Debemos enfatizar que cada localidade é Galiza e que desde os Concellos tamén se pode facer país. As persoas que pensen que é imprescindíbel un proxecto nacionalista para a Galiza, deben apostar polo único proxecto nacionalista tamén nas eleccións municipais.
– En consecuencia, entendemos que o Documento marco e os Programas municipais deben contribuír para fortalecer o perfil diferenciado do BNG, prestando a importancia necesaria a todos aqueles aspectos que o identifican como organización nacionalista, desde a lingua e a cultura a un modelo de Concello que rompa coas dinámicas estabelecidas e privilexie os intereses populares, sempre desde a defensa da xestión pública dos servizos públicos como a fórmula que mellor garante a prestación con criterios de calidade e interese público e unha práctica coherente con iso.