Contra a agresión imperialista. Galiza con Venezuela.
A Unión do Povo Galego condena o ataque militar imperialista perpetrado polos Estados Unidos contra a República Bolivariana de Venezuela, co bombardeo da súa capital e doutros lugares do país, e o secuestro do Presidente Nicolás Maduro.
Ao tempo queremos facer chegar o noso total apoio ao povo venezolano, ao que con esta agresión se pretende truncar o camiño para construír unha Venezuela plenamente Soberana na que os recursos sirvan para o benestar do seu povo.

Este ataque mostra, máis unha vez, que o imperialismo norteamericano, para conseguir os seus obxectivos, non ten problema en vulnerar a soberanía doutros estados, pasar por riba das institucións e do dereito internacional e empregar a forza militar, como fixeron esta madrugada contra Venezuela.
Os EUA con este ataque teñen un único obxectivo, o de apropiarse dos recursos enerxéticos e minerais de Venezuela, e para conseguilo precisan desmontar a institucionalidade construída polo proceso político bolivariano e impor un goberno títere e submiso aos seus intereses.
Diante da actual situación:
- Manifestamos a nosa total condena á agresión militar imperialista contra territorio venezolano.
- Exiximos a inmediata liberación do Presidente Nicolás Maduro, de Cilia Flores, e de todas as persoas que poidan estar secuestradas polos EUA.
- Condenamos os silencios cómplices diante da agresión, e demandamos da Xunta da Galiza, do Goberno español e da Unión Europea unha total condena.
- Facemos un chamamento ao pobo galego a se mobilizar en solidariedade co pobo venezolano e contra o imperialismo.
