Convocada manifestación nacional o domingo 17 en Compostela para reclamar a fin do xenocidio en Palestina
A brutal invasión do territorio de Gaza; o desprazamento obrigado de miles de milleiros dos seus habitantes cara o Sur, onde agora Israel aproveita o amoreamento humano para descargar o seu odio en forma de bombas; os ataques indiscriminados por terra, mar e aire; o bloqueo á entrada de alimentos, auga e medicamentos; o bombardeo de hospitais e ambulancias; os asasinatos de milleiros de crianzas converteron a Palestina nun inferno.
As imaxes que nos chegan, día a día, son insoportábeis. É un horror ver a dor e a desesperación televisada dun pobo que está sendo masacrado, vítima dun xenocidio perpetrado polo réxime de terror do Estado sionista de Israel.
E máis terríbel é ver como nin sequera a comunidade internacional, secuestrada polo mellor aliado e cómplice de Israel, os EEUU, é quen de adoptar medidas para obrigar ao sionismo a cesar o fogo e rematar o xenocidio.
Por iso, desde a UPG facemos un chamamento a participar na manifestación nacional que terá lugar este domingo, día 17 de decembro, ás 12:00 horas, con saída da Alameda compostelá, para exixir o cesamento inmediato do fogo e demandar que se adopten todas as medidas necesarias contra o Estado de Israel por crimes contra a humanidade.
Non podemos permitir que esta operación de limpeza étnica continúe nin un minuto máis.
Paremos o xenocidio!
#PalestinaVencerá