A Coordinadora Eólica Así Non convoca manifestación no Día Mundial do Medio Ambiente por un modelo enerxético alternativo

Galiza manifestarase este domingo 5 de xuño, Día do Medio Ambiente, baixo o lema “Temos Alternativa!”, por un modelo enerxético xusto e sustentábel e por unha enerxía por e para o pobo. A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 180 entidades e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais de toda Galiza fai un chamado a toda a sociedade galega para que participe na gran mobilización social que partirá ás 12:00 horas desde a Alameda compostelá e rematará na Praza do Obradoiro onde se dará lectura o manifesto.

Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, as entidades convocantes desta gran mobilización de ámbito galego queren chamar a atención sobre a necesidade de rachar co modelo tradicional de produción e consumo de enerxía para acadar unha transición ecolóxica e unha descarbonización da economía socialmente xusta e ecoloxicamente viábel, en contraposición co actual modelo imposto pola Xunta e do Estado español.

Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cautiva á sociedade.

Moratoria dos proxectos eólicos

Un ano despois de que a coordinadora Eólica Así Non conseguise congregar a milleiros de persoas na Praza do Obradoiro para reclamar a moratoria dos proxectos eólicos en tramitación e unha nova planificación eólica, hai que seguir teimando na necesidade urxente de adoptar estas medidas, pero ademais apelar a un cambio de modelo enerxético que se enfronte á lóxica do crecemento capitalista, que rache a dependencia entre o aumento do consumo da enerxía e a mellora do noso benestar social. Un cambio de rumbo cara un sistema no que a enerxía sexa concibida como un dereito fundamental da sociedade, que poña o interese público e a protección da natureza por diante do lucro e da especulación e que outorgue aos poderes públicos e á sociedade un papel activo na planificación e na toma de decisións.

Os 9 principios dun modelo enerxético xusto e sustentábel

O manifesto titulado “Temos Alternativa!” asinado por máis de 180 entidades de todo o país enumera 9 principios nos que se debería fundamentar o novo modelo enerxético para ser xusto e sustentábel, e para dar servizo por e para o pobo. O manifesto permanecerá aberto ata o venres 3 de xuño a novas adhesións de colectivos, entidades ou plataformas que apoien o modelo enerxético proposto por Eólica Así Non e a manifestación do vindeiro día 5 de xuño en Santiago de Compostela. As entidades e colectivos poderán achegar o seu apoio a través do seguinte formulario: bit.ly/adhesions5X

A marcha do Día do Medio Ambiente en Santiago de Compostela está convocada por todas as entidades e organizacións que ao longo de 2021 se sumaron á Coordinadora Eólica Así Non, superando a día de hoxe as 180 entidades. Desta volta, únense tamén ás entidades convocantes da mobilización do 5 de xuño a Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, xurdida do manifesto de Burela e da loita do sector do mar fronte a eólica mariña, e a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que reúne a meirande parte das comunidades de montes veciñais afectadas pola actual implantación da enerxía eólica.

Desde o noso Partido sumámonos a esta convocatoria e animamos á nosa militancia e simpatizantes a participar na manifestación para facerlle fronte a outro exemplo paradigmático da depredación colonial que historicamente sufre a nosa nación.