A Coordinadora “Eólica Así Non” convoca a rodear a Xunta este domingo contra o espolio eólico

A Coordinadora Eólica Así Non convoca unha importante mobilización o domingo 23 de abril ás 12h en Compostela. Esta mobilización chama a rodear o edificio de San Caetano da Xunta de Galiza para manifestar a repulsa aos 77 proxectos eólicos con declaración de impacto ambiental positiva e cuxa aprobación podería ser inminente.

Con esta mobilización baixo o lema “Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa”,  a Coordinadora exixe ao executivo galego que denegue as autorizacións das ducias de macroparques eólicos aos que a Consellaría de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro e demanda a inmediata paralización duns 150 expedientes eólicos que a Xunta de Galiza aínda mantén en tramitación. A Coordinadora Eólica Así Non leva máis de dous anos reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo; o establecemento dunha moratoria e a restitución dos dereitos de participación pública usurpados polas leis de depredación e simplificación que os gobernos galego e español teñen aprobado por vías exprés e antidemocráticas.

Desde a UPG consideramos prioritario responder a esta convocatoria de forma masiva e participar activamente nela. Esta mobilización é un exemplo paradigmático da necesidade do nacionalismo dar unha resposta contundente ao espolio colonial enerxético que se pretende acometer na nosa nación. Así pois animamos a toda a nosa militancia e ao conxunto do pobo galego a participar nesta convcatoria.