Delito de inxurias e debilidade do réxime español do 78
No Pleno do Congreso de 27 de outubro foi a debate unha Proposición de Lei de Esquerra Republicana para despenalizar as ‘inxurias á coroa’ e as ‘ultraxes a España’. Eis a transcrición da intervención coa posición do BNG.
A maior evidencia da baixa calidade democrática do réxime español é a existencia no seu Código Penal de delitos de opinión. Unha lexislación represiva que coarta un dereito fundamental como a liberdade de expresión e que castiga o seu exercicio cando se orienta a criticar institucións ou símbolos do Estado que considera sacrosantas.
Ao longo dos últimos 40 anos son numerosos os casos de condenas por motivos de opinión. Déixenme que, no escaso tempo de que dispoño, lles relate só catro no meu País.
En 1980 o cantante Suso Vaamonde foi condenado a seis anos de prisión por ‘inxurias á nación española’ pola letra dunha canción, curiosamente unha canción popular e moi coñecida na Galiza. Pasou o tempo de condena no exilio.
En 1981 o historiador Francisco Carballo foi condenado a seis meses e un día de prisión por un libro en que se recollía que a policía española asasinou en 1975 a Xosé Ramón Reboiras Noia, loitador en defensa da liberdade e a soberanía de Galiza, dirixente da Unión do Povo Galego, partido hoxe integrado no BNG. No ano 2009 Moncho Reboiras era recoñecido oficialmente como vítima do franquismo.
En 1986 foi condenado a dous anos de prisión o dirixente do BNG Francisco Rodríguez, acusado de ultraxe á bandeira española. Rodríguez foi deputado durante 12 anos neste Congreso no que exerceu de forma brillante como un gran defensor dos intereses de Galiza.
Xa nesa altura Francisco Rodríguez defendeu a reforma do Código penal “para -cito textualmente- que non poida usarse ese delito de forma caprichosamente política e con afán de castigo intimidador a discreción”.
Agosto de 2020. A Fiscalía do Supremo investiga a Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, -xunto con Pere Aragonés, de ERC e Teresa Rodríguez, de Adelante Andalucía- por dicir o que todos sabemos: que os Borbóns son ladróns e corruptos.
No medio, millares de persoas perseguidas no meu País e ao longo e largo do Estado Español por opinar sobre o Rei ou sobre España.
Esta tipificación delituosa non é compatíbel cun sistema que sexa verdadeiramente democrático. E é moi evidente o seu uso para perseguir a discrepancia política, especialmente o soberanismo das nacións sen Estado, ou as lexítimas críticas a unha monarquía anacrónica e corrupta como a actual dos Borbóns.
Non sei se son conscientes de que a existencia deste tipo de delitos e a súa aplicación práctica pon en evidencia a debilidade do réxime de 78 e do propio Estado español monárquico e unitario, que parece que só se poden manter pola vía do castigo ao discrepante, utilizado ademais como exemplarizante, para disuadir do exercicio dun dereito tan básico e fundamental como a liberdade de expresión. Saiban que nós, o BNG, os e as soberanistas, os e as demócratas, nunca deixaremos de exercela, custe ou que custar.