Declaración en solidariedade co pobo peruano

A Unión do Povo Galego quere facer público o seu apoio á loita do pobo peruano, que desde hai semanas sofre unha brutal represión a mans do exército e da policía, unha represión que matou xa a 55 persoas, feriu a varios centos e ten a un importante número de persoas detidas. Unha represión que responde ás orde de unha elite peruana que por primeira vez na súa historia veu en serio perigo o seu poder.

O Paro Nacional de onte día 19 demostrou a inmensa forza que teñen a esixencia da renuncia da presidenta Dina Boluarte e da disolución dun parlamento corrupto, desde o que o fujimorismo e a dereita impiden calquera tipo de proxecto que busque a reconstrución do país, en interese de unhas maiorías, unhas maiorías que sempre foron impedidas polo centralismo limeño de participar libremente na vida política.

Nos últimos cinco anos, no Perú foron destituídos catro presidentes; e sen deixar de recoñecer os graves erros do quinto, Pedro Castillo, un mes despois da súa detención vese ás claras que a actuación coordinada do parlamento e do poder xudicial durante un ano contra el, non eran outra cousa que unha operación semellante ás que se teñen producido contra líderes políticos progresistas e de esquerda no Brasil, Ecuador, Arxentina ou Bolivia.

Unha constatación que se reafirma vendo o pouco interese da chamada comunidade internacional pola grave situación dese país, e o escaso tratamento informativo que recibe por parte de medios de comunicación, que se preocupan moito de criticar, manipular información e facer caricaturas sobre a actuación de outros gobernos da rexión.

As forzas progresistas e de esquerda peruanas, as organizacións sindicais e sociais, e as organizacións indíxenas e campesiñas, esixen novas eleccións e que se abra o proceso para elaborar unha nova constitución que peche a porta definitivamente ao fujimorismo e inicie a construción dun estado verdadeiramente soberano no que sexan respectados os dereitos dos distintos pobos e do conxunto das clases populares, e inicie un proceso de descentralización e democratización real.

Desde Galiza declaramos a nosa total solidariedade co pobo peruano e coa súa loita, esiximos o remate da represión e da criminalización das protestas populares, e condenamos unha vez máis as dúas varas de medir e a actuación hipócrita da comunidade internacional, cando se trata de vulneracións dos dereitos humanos que executan gobernos que actúan en función das estratexias e dos intereses do imperialismo.

 

Galiza; 20 de xaneiro de 2023

Secretaría de Relacións Internacionais da UPG