Declaración en solidariedade coa loita en Colombia

A Unión do Povo Galego quere facer público o seu apoio á loita do pobo colombiano, que desde hai unha semana realiza fortes mobilizacións, cun paro nacional que ten a centos de milleiros de persoas nas rúas, baixo a consigna “Por vida, Paz, Democracia e contra la Reforma Tributaria e o Paquetazo Neoliberal de Duque”.

A situación en Colombia é dantesca en todos ámbitos, o goberno incumpre os Acordos de Paz asinados coas FARC e cada semana asasínase a dirixentes sociais, sindicais e políticos de esquerda e a membros da guerrilla desmobilizados, o que levou a algúns a volver ao monte para salvar as súas vidas. Coa pandemia a desatención social é xeneralizada, os niveis de desemprego e de pobrezamultiplicáronse, e as medidas gobernamentais que se adoptan só favorecen aos grandes intereses corporativos do capital nacional e transnacional.

E se o anterior non era suficiente, a pinga que desbordou o vaso foi o proxecto de reforma tributaria,co que o goberno neoliberal de Iván Duque facía caer as consecuencias da actual crise sobre o pobo.

A intensidade das mobilizacións obrigou ao goberno a retirar o proxecto de reforma tributaria, pero a dura represión intensificouse nos últimos días coa aplicación da chamada “asistencia militar” que supón a total militarización e unha represión sen límites, nun país no que os grupos paramilitares e unidades do exército caracterízanse poractuar impunemente desde hai décadas.

A represión das protestas dos últimos días ten deixado xa máis de vinte persoas mortas a mans da policía, centos de persoas feridas e detidas e un número de desaparicións aínda sen cuantificar.

Non esquezamos que Colombia é o principal aliado dos EUA na rexión, sendo cabeza de ponte para todas as actuaciónsinxerencistas, por iso non estraña o silencio da Organización de Estados Americanos-OEA que demostra unha vez máis a súa función de simple monicreque do imperialismo. E tampouco debe parecer estraño que o goberno español ou a UE, tan dilixentes noutras ocasións para denunciar e establecer sancións, miren cara outro lado cando se trata de Colombia.

Desde Galiza chamamos á solidariedade coa loita do pobo colombiano, denunciamos a represión e a criminalización das protestas populares, e condenamos da hipocrisía coa que actúa a chamada comunidade internacional, cando se trata de vulneracións dos dereitos humanos por parte de gobernos que actúan en función das estratexias marcadas polo imperialismo.

Galiza; 4 de maio de 2021

Secretaría de Relacións Internacionais da UPG