Declaración de solidariedade co pobo sudanés
Reproducimos a Declaración asinada hai uns días por case cincuenta partidos comunistas e obreiros de todo o mundo, entre eles a UPG, en solidariedade co pobo do Sudán.
Solidariedade co pobo sudanés e as forzas democráticas contra a ditadura militar e a súa sanguenta guerra
Nós, os partidos comunistas e obreiros abaixo asinantes, condenamos enerxicamente a continua guerra sanguenta entre as diversas faccións militares en Sudán, que causou centos de civís inocentes mortos e miles de feridos.
Esta guerra catastrófica é unha loita de poder entre os xenerais que dirixen a ditadura, destinada a preservar as súas ganancias ilexítimas e esmagar as aspiracións do pobo sudanés á liberdade, a paz, a xustiza social e o cambio radical. Serve aos intereses dos seus patrocinadores externos, incluídas as potencias imperialistas e os réximes reaccionarios árabes, e aos seus plans para saquear a riqueza e os recursos naturais do país. A continuación e a escalada da guerra ameazan gravemente a unidade do país.
Apoiamos plenamente a esixencia das forzas democráticas sudanesas, á fronte das cales se atopa o fraternal Partido Comunista Sudanés, dun cesamento do fogo inmediato, a saída dos exércitos e milicias das cidades e a prestación de axuda humanitaria urxente baixo supervisión da ONU á poboación civil.
Tamén apoiamos os seus chamamentos para que sexan levados diante da xustiza os responsables de iniciar esta guerra, e os autores de crimes e violacións dos dereitos humanos contra o pobo sudanés.
Facemos un chamamento a todas as forzas amantes da paz no mundo para que alcen a súa voz, intensifiquen a súa solidariedade co pobo sudanés e as forzas democráticas contra esta guerra sanguenta, e apoien a súa heroica loita por alcanzar o poder popular mediante o establecemento dun goberno civil plenamente democrático.