Denunciamos un novo ataque a Cuba

A UPG denuncia unha nova actuación agresiva contra Cuba, executada por un grupo de deputados, que nesta mesma semana tentarán que o Pleno do Parlamento Europeo se pronuncie contra Cuba, baixo a escusa de vulneración dos dereitos humanos.

Unha vez máis o imperialismo e os seus cómplices tentan atacar a revolución cubana, unha revolución apoiada polo pobo e que pese ás enormes dificultades, derivadas fundamentalmente dun criminal bloqueo económico, tenta construír unha sociedade de prosperidade e xustiza social camiño do socialismo. Curiosamente eses mesmos deputados, cómplices do imperialismo, nunca se teñen pronunciado contra o bloqueo, en esixencia da súa desaparición ou en defensa do dereito dun estado soberano a manter relacións comerciais con quen considere, e sen interferencias alleas.

Rexeitamos esa manobra, que non é casual, pois ten un claro obxectivo ao producirse poucos días antes de que as Nacións Unidas voten sobre o bloqueo; o obxectivo é danar a imaxe de Cuba.

O 23 de xuño a Asemblea Xeral das Nacións Unidas votará sobre o Bloqueo dos Estados Unidos a Cuba, unha votación que en anos anteriores e por 27 veces consecutivas ten condenado o Criminal Bloqueo, sempre por esmagadora maioría. E diante da perspectiva de unha nova condena o agresor move os fíos para tentar desprestixiar a Cuba.

Pedimos aos deputados e deputadas do Parlamento Europeo que o vindeiro martes rexeiten a iniciativa contra Cuba, e respondan á mesma esixindo de unha vez por todas a fin do bloqueo, e o respecto da soberanía de Cuba.

Máis unha vez manifestamos ao goberno e ao pobo de Cuba a nosa solidariedade e o noso apoio, porque Cuba e Galiza teñen unha historia común e  porque é de xustiza denunciar O Bloqueo Criminal.

 

Compostela; 6 de xuño de 2021

Secretaría de Relacións Internacionais.

Unión do Povo Galego-UPG