Derrota da dereita e do pinochetismo en Chile

Os resultados das eleccións celebradas en Chile nos días 15 e 16, supoñen un importante triunfo para os sectores da sociedade chilena que apostan pola transformación social, e por unha democratización que debe pasar pola ruptura co actual réxime político, que non deixa de ser unha continuidade do pinochetismo, continuidade marcada pola Constitución vixente.

Nunhas eleccións nas que se votaban integrantes da Convención que elaborará a nova Constitución, gobernadores e representantes municipais, as candidaturas da dereita sufriron unha importante derrota; sendo o máis salientábel o feito de que ficaron moi lonxe do número de representantes necesario para ter capacidade de veto na Convención Constitucional.

Ademais importantes comunas (concellos) foron gañadas pola esquerda, destacando polo seu simbolismo o acceso dunha militante comunista á alcaldía de Santiago (unha das comunas da capital, e que é a terceira do país en poboación, con máis de 400.000 habitantes).

Estes resultados supoñen un novo golpe para o presidente Sebastián Piñera, e unha confirmación de que as grandes mobilizacións iniciadas no outono de 2019 contra as medidas do goberno neoliberal, abriron o camiño que favoreceu este resultado electoral; resultado que coa correlación de forzas resultante na composición da Convención permitirá mudar o marco político herdado da ditadura.

Destas eleccións destaca ademais dúas importantes novidades, a irrupción das candidaturas independentes, a maioría delas con posicionamentos contrarios ás políticas neoliberais e nacidas arredor das protestas iniciadas en 2019; e que por primeira vez os pobos orixinarios teñan posibilidade de elixir os seus propios representantes.

A presenza do pinochetismo na sociedade chilena segue sendo moi importante ao controlar a maioría dos resortes do estado e a economía, pois en Chile tamén houbo unha “transición” , en parte imitación da do estado español, que impediu a depuración dos elementos da ditadura. Esta realidade fai que o camiño vaia ser complexo, pero a capacidade de loita demostrada polas clase traballadora e o conxunto das clases populares enfrontándose a unha forte represión, e os resultados electorais dan forza a quen defenden as transformacións sociais e a democratización real.

A UPG enviou os seus parabéns ao Partido Comunista de Chile, tanto polos resultados propios como pola posibilidade que se abre de construír un novo Chile en base á vitoria global das candidaturas progresistas e de esquerda.