Día da Patria Galega, por unha Galiza sen límites
Un ano máis o nacionalismo convoca ao conxunto do pobo galego a celebrar colectivamente o Día da Patria Galega. Este ano o BNG convoca baixo o lema “Galiza sen Límites”. Sen límites ás nosas aspiracións como pobo, sen límites ao noso camiño cara á autodeterminación, sen límites á nosa soberanía nacional. Temos que aspirar a todo en todos os ámbitos, con capacidade para decidir por nós e para nós: o pobo galego.
Animamos a conmemorar o Día da Patria e a participar na manifestación que o 25X volverá percorrer as rúas de Santiago tras a interrupción provocada pola pandemia, unha manifestación que se celebrará desde a máxima prudencia e cumprindo todos os protocolos establecidos, unha manifestación segura e con todas as garantías sanitarias.
Este 25 de Xullo temos moito que celebrar, e será tamén un Día da Patria de reencontros, de compartir alegría, esperanza, ilusión por un futuro mellor, de compartir o orgullo de ser un gran pobo.
Facemos tamén un chamamento ao conxunto da sociedade a pendurar a bandeira galega de xanelas e balcóns coincidindo coa semana do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, para celebrar e sentir o orgullo do que somos e de pertencer a esta nación.
Lembrar que como todos os anos Galiza Nova organiza tamén unha homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao no Parque de Bonaval o 24 de xullo, a partir das 17h. É necesario inscribirse en i.gal/homenaxe21
Así pois, animamos ao conxunto da militancia, a base social nacionalista e ao conxunto da sociedade a secundar a manifestación que convoca o BNG este próximo domingo, 25 de Xullo, e que sairá ás 12h da Alameda de Santiago de Compostela, e así mesmo a pendurar a bandeira da Patria na xanela, varanda ou calquera espazo exterior das súas casas.