Diante da emerxencia sanitaria e da crise económica e social

A crise provocada pola expansión da COVID-19 está a crear un novo escenario social e político que é preciso analizar adecuadamente tamén para poder dar a resposta máis acertada. As decisións que foron adoptando os gobernos, particularmente o central, pecaron desde o inicio de priorizar criterios políticos e económicos frente á eficacia na contención do contaxio. A consecuencia máis evidente é que o Estado español se sitúa, segundo os datos coñecidos, como o segundo do mundo en número de contaxios e tamén de persoas falecidas, a pesar da abismal diferenza de poboación con outros como a China ou os EUA.

Foi particularmente evidente a prioridade a razóns políticas (tamén económicas) na decisión de non fechar Madrid, a pesar de que desde comezos de marzo se situou como o principal foco de contaxio. Aliás, a reiterada petición nese sentido por parte do nacionalismo galego e doutras forzas soberanistas foi respondido con razóns máis políticas que técnicas: “o virus non entende de fronteiras” (salvo as estatais, que si se fecharon), “somos un país e este virus derrotámolo unidos”, “é a hora da solidariedade con Madrid”…

O goberno e as forzas españolas acabaron convertendo unha das máis evidentes fraquezas do punto de vista sanitario para a contención do coronavirus -mesmo desdeñando experiencias anteriores exitosas como a de Wuhan- nun dos principais leitmotiv políticos na súa obsesiva españolización aproveitando a crise. Iso si, do punto de vista práctico, a consecuencia foi a centrifugación do virus ao resto do Estado, nun proceso que moi evidente no que á Galiza se refire. En todo o caso, podemos constatar que o nacionalismo foi capaz de asentar socialmente a idea de que era necesario fechar Madrid e blindar Galiza.

Non menos grave para a loita contra a expansión da epidemia foi a demora en paralizar toda a actividade económica e produtiva non esencial, que o nacionalismo galego viña reclamando polo menos desde dúas semanas antes, tanto no ámbito político, institucional como no sindical. Aquí ficaron en evidencia as razóns económicas frente ás sanitarias; en vez de dar toda a prioridade a salvar vidas, pesou máis tentar salvar as contas de resultados.

Tamén errónea, non xa do punto de vista político, senón mesmo operativo foi a decisión de centralizar o “mando único” en Madrid. A falta de previsión, a improvisación, as vacilacións e a ineficacia dunha administración sanitaria estatal incapaz de xestionar con axilidade e decisión unha situación de emerxencia, acabaron empeorando aínda máis as cousas.

O nacionalismo mantivo desde o comezo unha moi posición activa -ainda que nen sempre adecuadamente visibilizada polos medios de comunicación- tanto no campo político como sindical. Unha presenza pública centrada fundamentalmente na realización de propostas máis tamén -nun escenario moi complexo- na avaliación crítica das decisións que se foron adoptando quer no ámbito sanitario quer no social e económico.

En todo o caso, é preciso sistematizar unha análise do contexto xerado pola xestión da emerxencia sanitaria e da crise social e económica, para podermos enfrentar con corrección e decisión os embates inevitábeis dos próximos tempos.

En primeiro lugar, a constatación de que mesmo nunha situación de emerxencia excepcional, o rexime español prioriza, como dixemos, as razóns de tipo político frente ás humanitarias e o interese público. Fechar Madrid desmascararía a súa falsa relevancia e no plano simbólico resultaba imposíbel de asumir polo centralismo españolista. Preferiuse arriscar a expandir o contaxio a dar ese paso. Razóns similares están detrás da negativa a blindar Galiza ou fechar Cataluña, a pesar de ter sido solicitado polo goberno catalán.

A centralización do mando a partir do decreto de alarma serviu politicamente para reforzar simbolicamente o papel do Estado español como indispensábel frente a unhas autonomías que diante dunha situación excepcional resultan absolutamente prescindíbeis. As cousas importantes, xestiónaas España; esa é a mensaxe.

O cadro foi completado co permanente apelo á “unidade” e a entrada en escena permanente de policía, garda civil e exército, combinado cunha linguaxe intencionalmente bélica, todo para asentar o marco mental da españolización e a idea dun estado único, centralizado e con autoridade.

Aliás, a centralización foi aproveitada estratexicamente por un Feixoo que, como bon colonizado, a apoiou sen ambaxes e contribuiu activamente para o proceso de españolización -mesmo cos usos lingüísticos-, para tentar mascarar a súa propia inacción e inoperancia cando non as consecuencias na sanidade das políticas de recortes, precarización e privatización realizadas durante anos. Nese sentido, para Feixoo a decisión de centralizar foi un presente político inestimábel do goberno español que o deixou nunha posición moi cómoda e lle pode permitir -a pesar da sua má xestión-saír reforzado desta crise.

Hoxe, máis do que nunca, o dereito a decidir é vital para facer frente eficazmente á crise sanitaria. A comezar por conquistar a capacidade para decidir de maneira soberana para sermos quen de levar adiante todo un sistemático e completo paquete de políticas públicas, que concentren todos os recursos en favor das maiorías sociais, única maneira real de garantir unha protección social plena, sen exclusións, o direito a emprego, salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora galega.

En segundo lugar, a crise sanitaria deixou ao descoberto algunhas das características máis terríbeis do mundo en que vivimos. E non só do modelo neoliberal, mais do propio sistema capitalista. Dos máis inmediatos aos máis profundos. A mercantilización da vida humana, da saúde, da dependencia; a prevalencia dos intereses económicos privados frente ao papel social do público; a preeminencia, en definitiva, dos intereses de clase da oligarquía frente ás necesidades das clases populares e dos povos.

O cálculo -máis disimulado no Estado español, descarnado en casos como o dos EUA, Reino Unido ou Brasil- do valor da vida humana en función da idade ou do estado de saúde e, por tanto, da capacidade produtiva, resulta estarrecedor, mais tamén elocuente dos valores da sociedade capitalista. Ao mesmo tempo, a crise puxo igulamente ao descoberto as condicións de boa parte das residencias de persoas idosas e das empresas que converteron en negocio a necesidade dos coidados, mais tamén a debilidade do sistema público.

O egoísmo e a insolidariedade propias do capitalismo ficou tamén en evidencia no plano internacional. O espectáculo de estados teoricamente aliados na Unión Europea ou na OTAN roubando material sanitario uns aos outros foi o último episodio até o de agora dun comportamento que tamén se manifestou claramente nas posicións da Unión Europea e dos estados que a dirixen.

A emerxencia sanitaria, infelizmente, vén a dar a razón -mais unha vez- ao nacionalismo na súas análises sobre o papel que xoga a UE como superestrutura ao servizo dos intereses da oligarquía e, particularmente, da dos estados centrais. Para alén de que o papel dos povos nunca foi considerado, a falacia da “Europa social” ficou clara e mesmo o discurso do europeismo como proxecto de unidade e cohesión sae claramente tocado.

Frente á negativa dos estados da UE a se axudaren nesta crise, os ofrecementos de axuda -curiosamente rexeitados polo Estado español- chega de Países como Cuba, China ou mesmo Rusia. Aliás, a caótica incapacidade dos estados capitalistas -é claro que fundamentalmente porque non se prioriza o interese polo benestar das clases populares- para dar unha resposta rápida para a contención da epidemia desde o comezo, contrasta con experiencias como a da China ou mesmo a de Cuba que mantén a expansión sob control grazas á previsión e preparación do seu sistema de saúde e do operativo deseñado e está aínda en condicións de colaborar con outros países.

En todo o caso, este contraste tamén serviu para valorizar a planificación socialista e os valores imperantes en países que, con todos os erros e dificultades que foren, están empeñados en construír un sistema social diferente e demostraron que as súas prioridades tamén son distintas das dos países capitalistas.

O fracaso das políticas neoliberais, da exaltación do privado frente ao público, e das duras receitas aplicadas sen piedade desde o inicio da crise en 2008 (reformas laborais, reformas da seguranza social, recortes e privatizacións de servizos públicos…) e que aínda perduran, téñense demonstrado fracasadas vista a xestión que se está a facer desta crise sanitaria. En calquera caso, se as consecuencias non son aínda piores, a razón está na capacidade de termos confrontado, de termos evitado maiores retallos do desmantelamento dos servizos públicos e maior extensión da pobreza laboral.

Aliás, no máis inmediato, a crise tamén está a servir de revulsivo social para a defensa dun sistema público de saúde que leva anos soportando continuos procesos de recortes e de privatización que derivaron na redución da súa capacidade e na precarización das condicións en que opera. Esta é un dos elementos positivos que teremos que aproveitar na post-crise para reforzar a nosa posición de defensa dos servizos públicos.

En terceiro lugar, somos conscientes de que estamos perante unha crise económica e social de enorme dimensión e que non está a ser enfrontada adecuadamente por un goberno que se autotitula progresista mais que fía todo á propaganda para tentar ocultar a orientación das súas políticas.

A pesar do bombástico nome de “escudo social”, as medidas adoptadas polo goberno español foron e están a ser insuficientes e inxustas. Cargan, máis unha vez, as consecuencias da crise sobre as costas das traballadoras e traballadores, das clases populares. Fican moi por detrás, mesmo, do que fixeron outros países da Unión Europea ou Rusia, que optaron por garantir o mantemento do emprego e por axudas máis potentes aos sectores económicos máis fracos.

Ademais, hai que ter en conta que as medidas que están adoptando tanto o goberno español como o galego confinan os dereitos, veñen tarde, son inxustas, son insuficientes para a clase traballadora galega e para os colectivos máis vulnerábeis do pobo galego. Especial gravidade teñen estas erráticas políticas cando a nosa situación previa a esta crise, estaba marcada xa por unha crise social, demográfica e industrial, á cal se lle sumarán as amezas económicas, sociais e políticas que deberemos enfrontar durante, e despois desta emerxencia sanitaria.

Na cascata de medidas que o goberno veu adoptando de maneira bastante desordena e confusa, destaca mesmo o feito de que a tendencia foi a de relaxar os poucos controis que existían -por exemplo sobre o emprego- e ceder de maneira continua ás presións do mundo empresarial. É evidente que se optará por desenvolver medidas orientadas a preservar e reforzar o lucro do capital en detrimento das clases populares.

En todo o caso, é claro que de ningunha maneira se vai optar por vías de financiamento público que o nacionalismo está a defender e que afectan intereses vitais, quer económicos quer políticos, do réxime. Entre eles, a recuperación da multimillonaria contía do rescate bancario; unha profunda reforma fiscal para implementar un novo modelo impositivo que grave as grandes fortunas e as grandes empresas; a redución do gasto militar, renunciando á compra prevista de armamento e material bélico que implica un custo multimillonario, ou a nacionalización das grandes corporacións dos sectores estratéxicos (banca, eléctricas, comunicacións…) que xa foron públicas e que nunca deberon ser privatizadas.

Son propostas que, embora non vaian ter ningunha posibilidade de saír adiante, temos que continuar defendendo -e cada vez con máis énfase- porque, para alén de seren perfectamente asumidas polas maiorías sociais neste contexto, permiten confrontar directamente cos intereses do sistema e contrastar a nosa aposta por un modelo e unha Galiza diferente.

De calquera maneira, é preciso prepararse para escenarios aínda máis complexos. A recentes declaracións do Presidente do goberno sobre que “temos que gastar os recursos das xeracións futuras” e a aposta pola reedición dun pacto social que se referencia nos Pactos da Moncloa -que no seu día foron gravosos para as calses populares e os dereitos dos povos-, deben alertarnos para o advento de novas políticas antisociais e de recortes de dereitos.

En cuarto lugar, todo o proceso desatado como consecuencia da crise, tamén coloca sobre a mesa o risco de conculcación de dereitos democráticos e liberdades públicas, frente ao que debemos estar moi atentos. Especialmente preocupante está a ser o papel político que o goberno está a outorgar ao exército, incluída a comunicación, e que serve para reforzar a súa idea de España e dun Estado forte precisamente nun momento en que na práctica -á hora de resolver unha situación de emerxencia- ficou en evidencia a súa extrema debilidade.

Mais, moitos outros elementos asociados ao Estado de alarma veñen facernos temer un proceso involutivo do punto de vista democrático pola vía de conculcación de dereitos básicos. Cómpre estar atentos frente á hipótese de que no escenario post-crise sanitaria nos encontremos cun Estado aínda máis autoritario e represivo.

A proposta de camiñar para uns novos “Pactos da Moncloa”, quer dicir dun acordo entre as grandes forza políticas españolas de esquerda e dereita, procura claramente o reforzamento do réxime de 78, hoxe en crise e, por tanto, un escenario en que as clases populares galegas e os dereitos da Galiza como nación só poden saír perdendo. É preciso enfrontar este previsíbel escenario con audacia e con decisión.

Sinalados estes catro aspectos centrais, é preciso ter en conta o contexto político en que todo isto acontece. Por unha parte, de escenario electoral na Galiza interrompido pola emerxencia sanitaria e con boas expectativas electorais para o BNG. É difícil predicir hoxe como esta crise vai afectar as percepcións e comportamentos políticos, mais dúas cousas son certas: Unha, nacionalismo ten de manter a coherencia nas súas posicións, avanzando propostas e mantendo con firmeza a crítica aos erros e ás políticas antisociais e antigalegas que se vaian perfilando. Dúas, Feixoo adiou as eleccións, mais non a campaña electoral do Partido Popular, cada vez sostida con maior descaro e cun uso impúdico da manipulación in formativa nos medios públicos.

Por outra, por vez primeira nunha crise social destas características, as forzas españolas que teoricamente se situaban á esquerda do PSOE agora fan parte do goberno. Como estamos a ver, isto non está a significar políticas sociais máis decididas, co grao de contradición que isto lles vaia implicar. O que si é importante é prever o que pode implicar desde a perspectiva de intento de frear a previsíbel contestación social que indubidabelmente se vai xeral.

De calquera maneira, o feito de que a esquerda española partille goberno vai facer máis visíbel que só as forzas soberanistas das nacións representan realmente unha alternativa diferente e que son as únicas que poden pór en xaque o status quo e ameazar o réxime. Nese sentido, é positivo procurar a máxima unidade de acción en todo o posíbel, como se ben mantendo frente aos intentos da monarquía de tapar, aproveitando a crise sanitaria, a corrupción da Casa Real e dos Borbóns.

Tendo en conta esta situación, é necesario estar prontos para enfrontar nas mellores condicións posíbeis o escenario post-emerxencia sanitaria. E para iso tamén é preciso termos desde xa, mesmo nestas condicións excepcionais, maior capacidade de incidencia social.

Cómpre ir clarificando, cando menos na base militante e social do nacionalismo, todas estas as cuestións e socializar a idea de que moitas decisións adoptadas non están fundamentadas en razóns técnicas ou científicas senon políticas e ideolóxicas. Tamén, especialmente no ámbito social e económico, que existen outras alternativas non lesivas para os intereses das clases populares e para o pobo galego, na liña das que xa está a defender o nacionalismo. Este é o momento de reforzar a nosa posición en defensa dunha mudanza real en positivo, de defensa da soberanía nacional da Galiza e dun modelo socio-económico diferente.

Secretariado Político da UPG
Galiza, 7 de abril de 2020