Diante das declaracións do presidente dos EUA ameazando o pobo palestino
A UPG condena as declaracións realizadas por Donald Trump, actual presidente dos EUA, nas que chamaba á expulsión do pobo palestino de Gaza, e o seu traslado a outros estados da rexión; e nas que manifestaba que sería o exército norteamericano o que se faría co control dese territorio, para posteriormente convertelo nunha zona privilexiada de turismo e recreo.
Estas declaracións, realizadas no marco da visita do presidente do estado sionista de Israel aos EUA, son unha nova mostra da total complicidade das distintas administracións dos EUA, co obxectivo do sionismo de perpetrar o xenocidio do pobo palestino.

Sería un grave erro considerar que estamos diante dun simple exabrupto de Trump, e esquecer que con Joe Biden de presidente, Benjamin Netanyahu contou con todas as facilidades para que o exército israelí asasinase a máis de 50.000 civís gazatís, e destruíse ducias de miles de vivendas e infraestruturas; asasinatos e destrución que foron posíbeis grazas aos explosivos e outro material militar fornecidos polos EUA.
Palestina é símbolo da dignidade dun pobo que quere construír un futuro en liberdade, un pobo que non se rende, e que con firmeza enfróntase á ocupación colonial. Por iso desde a UPG chamamos a intensificar a solidariedade, denunciando a actuación do imperialismo, e defendendo o dereito do pobo palestino a construír un estado do río até o mar.
