Documento aprobado no Comité Central do 20 de xaneiro de 2024

O Comité Central da UPG reunido o pasado sábado 20 de xaneiro aprobou o documento que vai a continuación a respecto da nosa análise para o contexto actual e as propostas de actuación política para ese contexto.

IMPULSARMOS A MUDANZA POLÍTICA QUE A GALIZA PRECISA

O nacionalismo áchase nun momento decisivo. A militancia da Unión do Povo Galego ten de ser, máis una vez, exemplo de compromiso e entrega para facer posíbel os obxectivos marcados que permitan avanzar no camiño da soberanía. No concreto, neste contexto, queremos salientar:

1.- Enfrontamos as eleccións ao Parlamento da Galiza do próximo 18 de febreiro nunha boa posición, non exenta de dificultades de que debemos ser conscientes, mais tamén con potencialidades que temos de saber aproveitar.

Como temos analizado, o Partido Popular mantén unha fortaleza política e organizativa importante así como un dominio case absoluto dos medios de comunicación e doutros mecanismos de control político e social, o que lle permite resistir nunha posición electoral preponderante. No entanto, tamén é evidente que acusan un certo desgaste como consecuencia da súa xestión e da figura máis gris de Rueda. Un desgaste que se pode ver acentuado pola desastrosa xestión da crise dos pellets. Todas as últimas pesquisas indican unha tendencia á baixa do Partido Popular, que estaría no límite de poder manter a maioría absoluta.

O Partido Socialista, que se podía prever reforzado pola revalidación do Goberno do Estado, manifesta a día e hoxe un certo estancamento perante a incapacidade de aparecer como a forza decisiva para a mudanza política e tamén como consecuencia do desgaste polas dinámicas da política estatal.

Sumar, que após as eleccións xerais aparecía como unha opción reforzada polo resultado obtido, vese hoxe debilitada polas dificultades que encontraron para conformar as candidaturas, o conflito con Podemos e o rexeitamento de confluencia por parte de Anova. Aliás, o efecto do ‘voto útil’ (que moitas veces ten prexudicado o nacionalismo) actúa agora en contra deles.

Pola súa parte, o BNG aparece hoxe como a opción mellor situada para encabezar a mudanza política que un amplo sector da sociedade ve como absolutamente necesaria. A imaxe de fortaleza e de unidade, así como a boa valoración da candidata, contribúe para a posibilidade de atraer voto que vai alén do tradicional (mesmo que este sexa crecente) espazo nacionalista.

2.- Porén, nada está feito e depende de nós garantir o crecemento electoral imprescindíbel para asegurar un bon resultado electoral e a verificación dun obxectivo central como é liderar o Goberno da Galiza. Debemos asumir este obxectivo como fundamental para mudar as cousas, para dinamizar o noso País e tiralo do devalo político social e económico permanente e acelerado en que o situaron os Gobernos do Partido Popular. Mais tamén como fulcral para o nacionalismo se consolidar na sociedade galega e situalo en condicións de conquistar a hexemonía social e avanzar para o obxectivo final estratéxico da soberanía.

Para isto temos de ser conscientes de que a dinámica dos procesos electorais mudou nos últimos tempos e hoxe é moi elevada a porcentaxe de persoas que deciden o voto durante a campaña electoral e mesmo nos últimos días. Isto torna as campañas electorais absolutamente decisivas para o resultado. Nós debemos ser conscientes de que o nacionalismo se vai encontrar con innúmeras dificultades, unhas externas e outras que van depender máis directamente de nós, e temos que saber contornalas e superalas.

Organizar unha boa campaña, de contacto directo co maior número posíbel de persoas para sortear os bloqueos mediáticos, co contido político adecuado que potencie o perfil galego destas eleccións e a proposta nacionalista e transformadora do BNG é unha das chaves. Máis tamén o é unha mobilización total da militancia e da base social do nacionalismo, única maneira de contrarrestar toda a potencia propagandística que van despregar os dous partidos estatais e os intentos de xogar a campaña das galegas como parte das dinámicas políticas do Estado.

3.- Neste sentido, é preciso non confiarse. A análise de situación que plasmamos con anterioridade pode verse alterada polo desenvolvemento dunha campaña á que as forzas estatais (as tres) van destinar numerosos recursos e esforzos, incluídos os mediáticos e a presenza masiva e continuada dos seus líderes e referentes estatais (ministras/os, presidentas/es autonómicos, etc.), como xa estamos vendo. Ese intento de españolización da campaña, en función dunha lectura dos resultados en chave estatal, debe ser contrarrestada polo nacionalismo cunha campaña ‘oficial’ eficaz e ben orientada, mais tamén e fundamentalmente desde abaixo, co activismo constante das súa militancia.

4.- Precisamente, frente á idea de que as campañas son só marketing, nós sabemos que as mensaxes son fundamentais. O nacionalismo ten que manter un perfil propio e explicar por que a mudanza política á que apelamos é posíbel e necesaria, para que queremos mudar o Goberno galego. Para iso é precisa unha proposta ben perfilada que apunte a novas políticas en diferentes ámbitos: despregamento de políticas sociais e laborais que combatan o crecente empobrecemento e precariedade e dean resposta á grave situación económica que padecen as clases populares e traballadoras (carestía da vida, etc); defensa e mellora dos servizos públicos; colocar a axenda feminista como unha prioridade política; alargar a protección e valorización ambiental; facer frente ao espolio eólico e avanzar en colocar a produción eléctrica ao servizo do País con iniciativas como unha empresa pública de enerxía; impulsar o desenvolvemento económico autocentrado cunha maior iniciativa pública, que despregue toda a potencialidade dos nosos sectores produtivos e os novos xacementos de actividade; enfrentar a crise demográfica e frearmos a enxurrada migratoria que expulsa a nosa mocidade… Mais tamén lanzar a proposta dun novo marco xurídico político que recoñeza a Galiza como nación e blinde o autogoberno; completar a asunción de todas as competencias pendentes; defender un novo modelo de financiamento sobre a base do concerto económico; impulsar a inmersión lingüística e os avances da normalización da nosa lingua…

5.- No próximo mes temos de concentrar todos os esforzos no éxito da campaña do BNG co obxectivo de obter un gran resultado no 18 de febreiro que fortaleza a capacidade de actuación do nacionalismo e a conciencia nacional, mais iso implica tamén manter e intensificar a presenza e liderado do nacionalismo nos conflitos sociais e nos procesos de mobilización en andamento. En todo o caso, non esquecemos que no mes de xuño decorrerán eleccións europeas e que o nacionalismo ten tamén aí o obxectivo de reforzar e mellorar a súa posición tanto na consolidación dun espazo electoral propio como na capacidade de actuación no Parlamento europeo.

6.- Aliás, os obxectivos e as accións que temos definidas como prioritarias para consolidar política, ideolóxica e organizativamente o nacionalismo deben manterse a toda custa. Continuar incorporando persoas, organizalas, facilitar ámbitos de traballo político ás novas incorporacións, impulsar a formación política, encoraxar a participación activa en organizacións e movementos sociais de todo tipo, arroupar e liderar conflitos sociais, contribuírmos ao fortalecemento do movemento xuvenil nacionalista… son sempre chaves imprescindíbeis para lograr un nacionalismo máis forte día a día.

7.- O resultado destes dous procesos electorais -especialmente das galegas- van condicionar sen dúbida a posición en que deba actuar o nacionalismo nos próximos tempos e será preciso aquilatar análises e alternativas. Nese sentido, o Congreso do Partido, a realizar no próximo mes de xullo, ten de ser a oportunidade de analizar con detemento e rigor o novo contexto e definir as mellores liñas de actuación para o futuro, na certeza de que o proxecto estratéxico do nacionalismo galego non se reduce nin fica limitado ao alcance conxuntural dos avances, por importantes que foren, no ámbito electoral-institucional.