Documento aprobado polo Comité Central do 28 de setembro de 2024
Estamos nun momento en que temos, quer como Partido, quer como nacionalismo, desafíos importantes que enfrentar no inmediato. Por una parte, no ámbito do traballo político social e institucional; por outra, nos debates que é preciso desenvolver para construír un BNG máis forte e sólido, mellor organizado e con maior capacidade de influencia e intervención social.
A frente máis inmediata que temos por diante é a do financiamento, que o nacionalismo encara coa defensa dun modelo de concerto fiscal que dea á Galiza a capacidade normativa e de recadación para estabelecer, por medio da negociación bilateral co Estado, que parte entregar en concepto dos chamados “servizos comúns”.
Temos sinalado en moitas ocasións que esta cuestión é fundamental para o nacionalismo, basicamente por dúas razóns. Primeiro, porque permite pór en evidencia o espolio fiscal que padece a Galiza ano tras ano, millares de millóns que succiona o Estado e que son detraídos de cuestións fundamentais como a mellora dos servizos públicos, a vivenda pública ou a creación de emprego.
En segundo lugar, porque posibilita un debate social necesario sobre a capacidade da Galiza para se valer por si propia, rompendo non só os preconceptos senón sobre todo as mentiras e confusións interesadas, inoculadas sistematicamente polo réxime español e os seus axentes na nosa sociedade. Posibilita combater a idea sistematicamente estendida de que a Galiza vive da caridade de España, o que resulta letal para o avance dunha alternativa soberanista.
En calquera caso, o nacionalismo ten a obriga de facer pedagoxía sobre a capacidade da Galiza e a necesidade de nos responsabilizarmos como povo do noso presente e do noso futuro. Mais, para alén diso, os datos son incontestábeis e serven de base non só para unha alternativa institucional, senón tamén para unha campaña social que debe ter por obxectivo concienciar sobre a necesidade de acabar co espolio e sentar as bases para defender con máis forzas o obxectivo da soberanía.
Aliás, e no plano máis táctico, permite pór en evidencia o papel servil e sucursalista das forzas políticas estatais, que avogan por manter -con mudanzas parciais- o chamado ‘réxime común’ que prexudica gravemente a Galiza e, especialmente, un Partido Popular que desde o goberno galego fai gala de submisión a Madrid, mesmo cando iso é lesivo para os intereses dos galegos e galegas.
Nesa mesma liña, cómpre desenmascarar o comportamento do Partido Popular en relación coa débeda, renunciando -por intereses partidistas e por seguidismo servil das consignas de Madrid- á condonación/compensación dunha parte da débeda pública galega. Este asunto serve perfectamente para ilustrar na sociedade a diferenza de comportamento entre un BNG que consegue incorporar a condonación/compensación ao Acordo de Investidura e un Partido Popular ao que non lle importa perder recursos públicos con tal de manter a súa campaña partidista.
Para alén da cuestión da débeda, e nun seguinte momento, é preciso activar iniciativas que teñan por obxectivo reclamar a transferencia de todas as competencias pendentes, frente á actitude das forzas estatais que se din autonomistas mais que non mostran o mínimo interese en conseguilas. A seguir, hai que retomar a proposta dun novo marco-xurídico político para a Galiza que nos recoñeza como nación e alargue e blinde as competencias. Sendo todas elas propostas tácticas, permiten un debate sobre a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia que pode e debe resultar esclarecedor nunha orientación soberanista.
Ademais, debemos atender, impulsar e orientar adecuadamente a crecente conflitividade social existente no País, especialmente arredor da ofensiva de espolio eólico na terra e no mar, da pretensión de instalación de industrias de enclave como Altri ou a promoción por parte do goberno galego de diferentes proxectos mineiros ao servizo de grandes empresas foráneas. Estes conflitos, que, para alén do máis, pode perfectamente gañar o pobo galego, permiten ao nacionalismo facer pedagoxía política sobre o papel colonial -tamén no modelo de industrialización- que continúa a xogar a Galiza e sobre as causas profundas que hai por detrás, que están na dependencia política e no sistemático espolio colonial do noso País.
Por outra parte, unha vez que o BNG vén de convocar a súa XVIII Asemblea Nacional, a militancia da Unión do Povo Galego está pronta para contribuír con propostas e ideas ao grande obxectivo de consolidar, agrandar e fortalecer unha organización que é ferramenta esencial para este País e para un futuro de prosperidade e de liberdade.
Hoxe o BNG está nun dos seus mellores momentos. Non é casualidade, é resultado da firmeza e da coherencia política e ideolóxica. Contrariamente ao relato que voces interesadas sempre tentan construír, chegamos até aquí após reflexións e análises colectivas que desde a fundación -tamén e especialmente nos momentos en que máis foi posta en cuestión por parte de quen optou por outras vías que se demostraron falladas, como no período 2012-2016- nos levou a defender unha liña política claramente soberanista, unha defensa do principio de autoorganización e unha actuación política coherente. O noso traballo institucional e a nosa presenza constante na conflitividade social apuntando alternativas, posibilitaron que o noso pobo visualizase no BNG unha forza en que confiar e apoiar.
Temos claro que nun escenario en que -se non houber adiantos electorais- teremos pola frente dous anos e medio sen procesos electorais, é a oportunidade perfecta para centrar os esforzos en incrementar a militancia nacionalista, facendo crecer a organización ao longo e largo do País, alargando a conciencia nacional na sociedade galega e aumentando a capacidade de intervención social.
E temos claro tamén que iso se fai con unha organización frentista que manteña a iniciativa política en todo momento e en todo lugar; que sosteña un discurso con contido político abertamente nacionalista, sabendo combinar adecuadamente propostas tácticas coa defensa dos obxectivos estratéxicos; que intensifique o traballo social, participando e impulsando os conflitos sociais existentes, contrarrestando a inercia que leva a priorizar só o labor institucional e buscando unha correcta relación entre ambos; que se preocupe por encadrar no traballo político máis adecuado e en formar a nova militancia; que se preocupe por ampliar e perfeccionar a auto-organización do pobo galego en todos os ámbitos, e que estea pronta sempre para enfrontar o combate cultural e a batalla das ideas.
Nesa liña, é necesario prestar atención continuada a perfeccionar a comunicación propia e a fortalecer ferramentas comunicativas eficaces capaces de contrarrestar o pensamento único da imprensa sistémica. Tamén, traer a primeiro plano a defensa da lingua e propostas activas de avance na normalización ou a popularización dos símbolos nacionais e de referentes positivos para o País, que reforcen a autoestima colectiva e a identificación coa propia nación.
Por último, nun contexto internacional convulso e preocupante, é necesario manter unha posición activa de defensa da Paz, de oposición á escalada belicista que está a promover o imperialismo norteamericano, de rexeitamento do aumento do gasto militar e da implicación crecente do Estado español na estratéxica norteamericana por medio da OTAN. É esencial manter con firmeza a posición anti-imperialista, alertando para o risco real dun conflito bélico a grande escala, denunciando a continua inxerencia imperialista en países desafectos e a dupla vara de medir, especialmente pola actitude cómplice no xenocidio que o sionismo está a provocar en Gaza e na Palestina toda.
Galiza, 28 de setembro de 2024