Eleccións galegas: Movémonos para mudar as cousas

No próximo 12 de xullo temos unha grande oportunidade de que as cousas comecen a mudar de forma decisiva. A oportunidade de que a Galiza se exprese e se reafirme como a nación que é. A oportunidade de fortalecer o nacionalismo e de facelo determinante na vida política do País. Esa é de por si xa unha grande mudanza. Ou, polo menos, a premisa para que as cousas comecen a cambiar para mellor após 11 anos de gobernos submisos e entreguistas do Partido Popular e de Feixoo.

Porque hoxe son moitas as persoas, con certeza unha maioría da sociedade galega , que concorda en que é preciso deixar atrás unha década en que o noso País coñeceu un devalo permanente e continuado en todos os ámbitos. Crise industrial, perda de postos de traballo e de oportunidades de desenvolvemento, falta de expectativas para a nosa mocidade e sangría da emigración, drama demográfico, empobrecemento, precarización das condicións de vida e laborais, deterioro e privatización de servizos públicos, ataque permanente á nosa lingua…

E aínda, a sistemática e concienzuda minorización do País. Núñez Feixoo é un axente consciente do obxectivo non só de manter a Galiza na dependencia política, senón de lle cercear no posíbel conciencia de seu, identidade como povo e capacidade para actuar politicamente como tal. A maior evidencia, para alén do comportamento permanentemente submiso e de reafirmación da españolidade da Galiza, é o feito de que en 11 anos o noso País non asumise ningunha nova competencia.

Como bon colonizado, Feixoo gábase de que o seu é un goberno ‘leal’ que “non crea problemas a España” e só por interese puramente electoralista escenifica unha confrontación sempre inocua e ineficaz con Madrid cando alí non gobernan os seus. O problema é que este comportamento pagámolo todos os galegos e galegas en perda de oportunidades e en deterioro da calidade de vida e de benestar.

Acabar, por tanto, con este período negativo para o noso País e para o noso povo é un obxectivo fundamental. E para iso, como sempre alertou o BNG, non chega con derrotar Feixoo. É preciso que esa derrota implique unha mudanza de políticas, e iso só o garante o BNG. De pouco serviría mudar un presidente submiso por outro. O que precisamos é determinación política para colocar sempre en primeiro lugar os intereses da Galiza e para facelos valer, un proxecto de transformación social que vise mellorar o benestar das clases populares galegas e unha folla de ruta para a Galiza avanzar en capacidade de decidir de maneira soberana sobre os seus asuntos e o seu futuro.

E son estes tres elementos que representa apenas o BNG e a equipa de persoas encabezada por Ana Pontón como candidata á Presidencia da Xunta. Ningunha das outras forzas políticas concorrentes, nin a que goberna no noso País nin as que gobernan en Madrid, conciben unha Galiza con capacidade para exercer como un povo digno que defende os seus dereitos e que avanza en calidade de vida, en benestar e en liberdade.

Que o nacionalismo galego saia fortalecido destas eleccións é fundamental para o presente, para esa mudanza necesaria e urxente que a Galiza precisa, mais éo tamén para o futuro. Para incrementar a capacidade de incidencia institucional e social, para expandir a conciencia nacional, para estender a organización e para reforzar a capacidade de mobilización e de intervención social. En definitiva, para avanzar no camiño do obxectivo estratéxico da soberanía.

Todo indica que o BNG parte nesta campaña en moi boa posición. Mais de pouco serve especular coas expectativas electorais, o que corresponde é traballar para facelas realidade. E para iso tamén é importante dar credibilidade ás posibilidades reais de que o nacionalismo se sitúe nunha posición determinante para comezar a mudar as cousas de verdade. Porque está nas nosas mans, porque se todas as persoas que aspiran a un cambio real confian no BNG somos capaces de logralo.