En galego sen límites

O 17 de maio decorreu en Santiago de Compostela unha multitudinaria manifestación co lema En galego sen límites na que participaron miles de persoas convocadas por Queremos Galego.

A situación da nosa lingua é preocupante polo descenso do número de falantes, polos innumerábeis obstáculos para vivirmos en galego con normalidade e pola exclusión sistemática do noso idioma da maioría dos espazos.

É a presión social a que mantén viva a lingua no uso e nos espazos onde está. É importante mobilizarse en días como o 17 de maio pois é a nosa forza, a nosa constancia e perseverancia a que pode reverter a situación.

O goberno de Núñez Feixó ten a obriga de retroceder nas accións contra a lingua como o decretazo no ensino e  eliminar todas as barreiras que impiden vivir en galego. Debe cumprir os acordos xa establecidos e deixar a política de  anuncio de novos plans como agora para a mocidade.

No acto final da manifestación diferentes persoas puxeron de manifesto os problemas cotiáns para o galego en diversos sectores sociais. Así, denunciaron a inexistencia do galego na dobraxe de filmes, os problemas para restaurar apelidos ou a deturpación da toponimia, a imposibilidade práctica de uso do galego na xustiza e administración, as consecuencias laborais da exclusión do galego e a prohibición de uso no ensino.

Ao final do acto, dirixiuse aos milleiros de persoas o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. Na súa intervención criticou o goberno pois “a Xunta de Galiza, co presidente Feixó á cabeza, non só incumpre a cativa legalidade que ampara o noso idioma, senón que non ten ningún problema en fachendear de actuar directamente en contra” e manifestou que “a lingua galega non é un complemento senón que se trata dunha necesidade para o pobo galego. “

O voceiro de Queremos Galego remarcou a ausencia do galego na maior parte da economía, da xustiza, da administración, do ensino, da saúde, do lecer ou dos medios de comunicación e apelou á solución de normalizala “coa mobilización colectiva e coa nosa actuación diaria repóndoa, así, en todos os espazos onde aínda insisten en expulsala”.

Maceira animou a que “temos que seguir a reconquistar o dereito de uso que non ten recoñecido o noso idioma e avanzar cara á oficialidade real”. Proseguiu afirmando que “somos a única nación do Estado coa lingua propia a perder falantes mais, tamén, a única na que o pobo está só co seu idioma sen goberno que o acompañe”.