“Eólica Así Non” convoca mobilizacións con motivo do Día Mundial das Montañas

Con motivo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 plataformas, colectivos e organizacións galegas, convoca novas mobilizacións de carácter provincial e comarcal, que terán lugar os días 9 e 10 de decembro. Os actos reivindicativos terán lugar en forma de concentracións, marchas e andainas, nas seguintes localizacións: Amil (Moraña), na provincia de Pontevedra; en Vilar de Barrio, na provincia de Ourense; Campo de Carlexo (Val do Dubra) e Ortigueira, na provincia da Coruña; e na capital lucense e A Fonsagrada, na provincia de Lugo. Agás no caso da Fonsagrada, todas as demais mobilizacións celebraranse na mañá do domingo, día 10 de decembro.

O lema empregado nesta ocasión para os actos reivindicativos será: “Defendemos as montañas fronte a gobernos e especuladores”, co propósito de ensalzar o determinante papel que está a xogar a sociedade civil organizada na defensa do territorio galego fronte o espolio eólico e a traizón dos gobernos.

Animamos a participar nestas novas xornadas de mobilizacións contra o espólio eólico da nosa nación.