Frente á Constitución española, soberanía galega
Hai 40 anos o noso Partido, xunto coa AN-PG, desenvolveu un intenso labor para rexeitar o texto constitucional que pactaran os herdeiros do franquismo coa esquerda reformista española, PSOE e PCE. O BN-PG, que realizou a campaña do referendo sob o slogan “Contra a Constitución española e colonial, un NON galego e popular” opuxo ao rexime unitario e monárquico que o texto deseñaba a alternativa da soberanía articulada nas Bases Constitucionais da Nación Galega.
Catro décadas despois, as razóns que nos levaron a rexeitar a Constitución española continúan vixentes. É máis, neste tempo o noso País sofreu as consecuencias negativas dun sistema político que perpetuou a dependencia e o espolio colonial, colocou os nosos recursos ao servizo da oligarquía española e das transnacionais, propiciou a continuidade do empobrecemento e da emigración, marxinou a nosa lingua e cultura e xerou un rexime autoritario e corrupto, que cercea os dereitos democráticos e as liberdades públicas.
Para responder ás demandas das nacións que ainda facemos parte deste Estado, frente ao exercicio do dereito de autodeterminación que reclamamos as forzas patrióticas, a Constitución optou por un modelo unitario “descentralizado” sobre a base do sistema autonómico. Como xa denunciamos na altura, o modelo autonómico non só non representa unha saída para o exercicio dos dereitos nacionais da Galiza -polo contrario, está pensado para manter a submisión e a dependencia- senón que tampouco é adecuado para dar resposta aos graves problemas sociais e económicos que o noso País ten de enfrentar.
Se nunca foi alén dunha mera descentralización administrativa, hoxe a autonomía, após os reiterados procesos de recentralización, non pasa dunha casca baleira de contido que só é útil para que o rexime español poida manter a ficción dun pretendido autogoberno que na práctica nin existe.
Aliás, o propio rexime político español áchase submerso nunha profunda crise consecuencia da incapacidade de dar saída ao descontentamento social e, fundamentalmente, ás aspiracións de soberanía das nacións. O proceso de independencia da Cataluña deixou ao descuberto o carácter profundamente centralista e antidemocrático do rexime monárquico español. Enfrontada á determinación popular, esencialmente na Cataluña, o rexime reaxe tirando a careta e apostando abertamente polas solucións máis abertamente españolistas, autoritarias e fascistas.
En todo o caso, todo isto non fai máis do que confirmar a inviabilidade de ningunha reforma en sentido progresivo, democrático e de recoñecemento dos dereitos das nacións. A tendencia que estamos vendo vai precisamente no sentido contrario: máis españolización, menos democracia, menos dereitos e máis negación da Galiza e da súa lingua e cultura.
Neste contexto, a defensa da soberanía da Galiza gaña forza como forma de podermos decidir sobre o noso e sentar as bases para resolver os problemas económicos e sociais do noso País, mais tamén como a única maneira de podermos garantir liberdade para a Galiza e democracia para o noso povo. Frente ao rexime español centralista, monárquico e autoritario, a nosa vía só pode ser a dunha República Galega social e democrática. A independencia nacional da Galiza é, hoxe por hoxe, o único camiño.