Galiza con Palestina

A Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina convoca este domingo día 5 manifestación nacional contra o xenocidio e a ocupación que sofre o pobo palestino. Son xa máis de 130 entidades e colectivos galegos que apoian a táboa reivindicativa e chaman a participar na manifestación nacional que sairá ás 12h da alameda de Compostela e rematará por encher a praza do Obradoiro de solidariedade, baixo o lema “Galiza con Palestina: 2 anos de xenocidio, 77 anos de ocupación”. Chamamos ao conxunto da militancia e do pobo galego a sumarse á maior mostra de solidariedade con Palestina. Paremos o xenocidio!

Podes consultar a táboa reivindicativa aquí e os buses para a manifestación nas imaxes a seguir:

A coordinadora anunciou que, ademais da mobilización do 5 de outubro en Compostela, tamén está convocada unha protesta contra a presenza do ex primeiro ministro de Israel Ehud Olmert no “Foro La Toja” que terá lugar o sábado 4, na Illa da Toxa, no Grove (O Salnés).

A manifestación de repulsa pola presencia do líder sionista comezará ás ás 10.30 horas na rúa Castelao, seguindo até o Gran Hotel A Toxa, que acolle o foro españolista. Dous motivos para mobilizarnos: non permitir o lavado de cara que pretenden facer do réxime terrorista de Israel e loitar contra a deturpación dos nosos topónimos.

É preciso lembrar que o ex mandatario de Israel, entre os anos 2006 e 2009, foi responsábel, entre outros crimes de guerra, da operación “Chumbo Fundido”, que implicou 22 días consecutivos de bombardeos en Gaza. Dita operación, lanzada entre o 27 de decembro de 2008 e o 18 de xaneiro de 2009, ao redor de 1.400 persoas palestinas morreron na Faixa de Gaza a mans do Exército israelí.